O 10 de decembro de 2015 unha sentenza histórica do Tribunal de Xustiza da UE anulou o tratado de libre comercio da UE con Marrocos por violar os dereitos do pobo saharauí. Nela o TXUE especificaba que o Sáhara Occidental non forma parte de Marrocos, polo que se a UE permite a importación de produtos obtidos dun terceiro país violando os dereitos fundamentais -é dicir, un territorio baixo ocupación- estaría incentivando indirectamente esas violacións de dereitos. A principios do 2018, unha nova sentenza do TXUE estableceu que o Acordo de Pesca asinado en 2006 entre a Unión Europea e Marrocos non é aplicable ao Sáhara Occidental.
Ante este pinchazo da arquitectura legal na que se arroupan as súas relacións comerciais, a Unión Europea está manobrando para poder presentar novos acordos económicos a través dos cales aproveitarse dos recursos naturais do pobo saharauí sen renunciar a ter como socio a unha potencia ocupante, como é o Reino de Marrocos.
No marco deste contexto, e ao fío dos movementos que se veñen dando nos últimos meses de cara a tentar pechar estes acordos antes de que finalice a lexislatura, as relacións comerciais entre a UE e Marrocos foron abordadas hoxe por partida dobre no Parlamento Europeo: na sesión da mañá da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural -onde o representante da Comisión Europea xustificou o avance das negociación en base á realización dunha suposta consulta á poboación, sen entrar en máis detalles- e na sesión de tarde da Comisión de Pesca.
Lídia Senra, coordinadora do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e membro suplente na de Pesca -e que en outubro de 2017 formou parte da delegación de eurodeputadas/os expulsados do Sáhara Occidental ocupado-, tomou a palabra en ámbalas dúas comisións para amosar a súa fonda crítica co proceder do ente comunitario.
“No ano 2015 unha sentencia xudicial anulou o acordo comercial UE-Marrocos. No 2016 un novo fallo delimitou que os produtos do Sáhara Occidental deberían quedar fóra salvo consentimento explícito do pobo saharauí. Agora a UE pretende retorcer esta condición argumentando a realización dunha suposta consulta. Pero “consulta” non significa “consentimento”, ao igual que consultar á “poboación” non significa consultar ao “pobo” saharaui. O consentimento teríao que dar en todo caso o pobo saharaui a través do seu lexítimo representante recoñecido internacionalmente, é dicir, a Fronte Polisaria”.
Na sesión de tarde da Comisión de Pesca a eurodeputada Lídia Senra preguntou directamente sobre este aspecto ao representante da Fronte Polisaria, quen respostou que esa consulta realizouse “con Marrocos e o entorno do Goberno de Marrocos (…) A Comisión ignorou á Fronte Polisaria (…) e falan de poboación, non do pobo saharaui”, polo tanto non consultou ao lexítimo representante do pobo saharaui, nin respectou os marcos estipulados polas sentenzas do TXUE.
Ante esta realidade a eurodeputada galega cualifica de “chapuza” a consulta realizada pola UE para pretender dotar de validez un acordo ilegal segundo o dereito internacional. Esta posición foi reafirmada por 89 organizacións e a propia Fronte Polisaria, que no mes de febreiro deste ano fixeron pública unha carta na que desmontan a versión da Comisión Europea afirmando que “ao 83% dos grupos que, segundo a Comisión da UE, participaron nunha ‘consulta’ relacionada co comercio do Sahara Occidental nunca se lles pediu participar, ou non participaron, en ningún proceso de consulta”.
Senra tamén criticou o cinismo retorcido do que fai gala a UE cando argumenta que non comercializar con produtos saharauis -vía explotación destes recursos controlada podo Goberno de Marrocos- supón unha perda económica para o pobo saharaui. “Como beneficia o acordo de pesca ás máis de 173.000 saharauis refuxiadas e refuxiados nos campos de Tindouf que dependen das axudas internacionais? Estes milleiros de persoas foron consultadas?”
Fronte ás manobras do Goberno de Marrocos e da UE para eludir cumprir as sentenzas do TXUE, a eurodeputada galega pide á UE que cese na súa actitude parcial e que respecte escrupulosamente o Artigo 73 da Carta da Organización das Nacións Unidas sobre os Territorios Non Autónomos, como é neste caso o Sáhara Occidental ocupado por Marrocos. Insta ademais ás potencias europeas a “adoptar dunha vez por todas unha posición coherente cos valores que di defender, respectando as sentenzas do Tribunal de Xustiza da UE e facer todo o posíbel para que a ONU e a comunidade internacional en sentido amplo se comprometa a cumplir ca realización do referendo de autodeterminación”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.
Una respuesta para "“A UE pretende legalizar a ocupación do Sáhara occidental a través de acordos económicos con Marrocos”"