A unión de consumidores de Galicia propón facilitar as compras transfronterizas creando un gabinete de apoio ao abeiro do orzamento participativo

É A PRIMEIRA VEZ QUE ASOCIACIÓNS DE CONSUMIDORES DE GALICIA E PORTUGAL COLABORAN NUN PROXECTO SIMILAR. AS VOTACIÓNS, ABERTAS ATA O 20 DE FEBREIRO
Publicado por o día 16/02/2018 na sección de Galicia,Tomiño

A unión de consumidores de Galicia propón facilitar as compras transfronterizas creando un gabinete de apoio ao abeiro do orzamento participativo

Últimos días para elixir os proxectos que Tomiño e Cerveira levarán adiante de xeito conxunto ao abeiro do Orzamento Participativo Transfronteirizo de entre as oito propostas presentadas por iniciativa cidadá. Nesta segunda edición por primeira vez unha das propostas parte de dúas asociacións cunha entidade territorial superior á relativa aos dous concellos participantes: a Unión de Consumidores de Galicia(UCGAL) e a Associação Portuguesa para a Defesa do Consumidor(DECO).

‘Felices nas compras’ é un proxecto que nace coa idea de “reforzar as relacións de consumo entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira mellorando a información e formación das persoas consumidoras sobre os seus dereitos e deberes”. “Consideramos que a poboación que vive na raia e que mantén relacións comerciais e de consumo co país veciño debe ter a man información sobre os seus dereitos e axuda na resolución de problemas relacionados coas compras de bens e servizos no ámbito transfronteirizo”, aseguran dende UCGAL.

Unha iniciativa extensible a outras localidades fronteirizas

Para conseguir reforzar esa relación comercial transfronteiriza, informar aos consumidores e facilitar a resolución de conflitos comerciais, UCGAL e DECO propoñen a creación dun gabinete de apoio ao consumidor que se reforzará coa realización de obradoiros informativos sobre os dereitos dos consumidores en espazos transfronteirizos e dun seminario sobre dereito do consumo no que participen expertos de ambos os dous países.

É a primeira vez que UCGAL presenta unha iniciativa ao abeiro do Orzamento Participativo e tamén a primeira vez que se realiza unha colaboración destas características entre dúas asociacións de consumidores representativas dos seus respectivos países. O inicio dunha colaboración “que nos gustaría que perdurase e se mantivese no tempo pero que tamén se ampliase a outras localidades da raia, porque a realidade é que hai actividade comercial e de consumo cruzada e que no contexto do marco lexislativo europeo no que nos movemos é preciso dar cobertura e asesoramento ás persoas consumidoras que teñan dúbidas ou distintas problemáticas dun lado e do outro”.

Últimos días para votar

O Orzamento Participativo Transfronteirizo é unha iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal incluída na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Os veciños e veciñas de Tomiño e Cerveira teñen ata o vindeiro 20 de febreiro para exercer o seu dereito a voto nesta segunda edición do OPT. Soamente é necesario entrar na páxina web www.participacerveiratomino.eu e rexistrarse con nome, apelidos e número de DNI, premer en ‘Participa’, seleccionar un proxecto por cada categoría e votar. Deberá sinalar ademais se está empadroado en Tomiño ou Cerveira e engadir un enderezo electrónico. A participación é validada tras o cruzamento da información persoal do rexistro cos datos do centro electoral, co fin de que o proceso sexa o máis transparente e seguro posible.