A Universidade de Vigo e a compañía coruñesa MN Program, dedicada ao desenvolvemento e comercialización de software de xestión para empresas, asinaron este mércores a posta en marcha da Cátedra MN en emprendemento tecnolóxico, unha nova ferramenta que axudará a ambas entidades a colaborar na docencia e na investigación no ámbito TIC. O reitor, Manuel Reigosa, e o director xeral da empresa, Gerardo Rodríguez Darriba, rubricaron o acordo nun acto celebrado no salón de graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, ante o director do centro, Íñigo Cuiñas, e a profesora Carmen García Mateo, que asumiu o cargo de directora desta nova cátedra.
MN program é unha empresa tecnolóxica que se dedica a desenvolver e comercializar software de xestión para empresas e profesionais do sector servizos, con sede na Coruña e que conta na actualidade con 129 empregados. Agora, co lanzamento da cátedra convértese nunha nova aliada da Universidade de Vigo no obxectivo de conectar universidade, estudantes e empresa. “Gustaríanos compartir 20 anos de procura constante de creatividade e boa sorte, apoiar economicamente a aqueles emprendedores dixitais que o necesiten e xuntos favorecer ao desenvolvemento de novas empresas dixitais”, explicou Gerardo Rodríguez Darriba, quen recalcou que MN Program, é unha compañía na que as cousas se fan de xeito “un pouco diferente” ás súas empresas competidoras, multinacionais clásicas. “Queremos achegar o que levamos aprendido nestes anos a persoas interesadas en emprender proxectos que sexan de valor para a sociedade, tanto a través da nosa experiencia como tamén a nivel económico”, recalcou o xerente da empresa, que fixo fincapé na importancia de facilitar o lanzamento de “stars-ups con pouco investimento e dispostas a competir con calquera outra empresa do sector”.
Un proxecto “ilusionante” que achega a Universidade á empresa
“Este é para min un proxecto ilusionante, relacionado directamente coas novas tecnoloxías pero buscando esa transferencia ao sector empresarial, buscando emprendedores e talento, sobre todo aquel talento que ten o gusto e o interese nos temas de emprendemento”, subliñou García Mateo, quen recalcou que para ela a posta en marcha desta cátedra supón “todo un reto persoal, sobre todo á hora de comezar a pensar con todos os axentes abordo, desde a xente da empresa ata outras entidades sociais e o propio alumnado, tanto o da EE de Telecomunicación como o de toda a Universidade en xeral”, recalcou a investigadora.
“Que alguén decida investir na Universidade de Vigo e no talento dos seus estudantes para fomentar a creatividade é algo moi de agradecer xa que nos abre un camiño pouco explorado de momento”, recalcou o director da escola, loando os beneficios que vai supoñer este novo proxecto tanto para o alumnado como para o centro en xeral. No talento do persoal e do alumnado da escola fixo tamén fincapé o reitor, Manuel Reigosa, que agradeceu a aposta desta empresa pola Universidade de Vigo. “Que a cátedra a dirixa a profesora García Mateo é xa unha garantía de éxito”, recalcou o reitor, ao que engadiu que desde o punto de vista do equipo de goberno resulta prioritario incrementar a relación coas empresas, “especialmente aquelas que están implicadas directamente no emprendemento”.
Liñas de actuación estratéxicas
Financiada con 30.000 euros, a nova cátedra ten como liñas de actuación estratéxicas a colaboración na docencia e na investigación, especialmente no ámbito TIC; a creación dun programa de captación de talento que teña por finalidade a formación de excelencia de alumnado da Universidade de Vigo; o impulso de actividades que permitan crear espazos de debate e difusión da actividade docente e investigadora do ámbito da innovación tecnolóxica no ámbito TIC, e a promoción de actuacións que estimulen a capacitación, especialización e actualización de competencias de membros da comunidade universitaria e profesionais alleos á mesma atendendo ás necesidades competitivas da empresa.
Tendo en conta estas liñas de actuación, os responsables da cátedra salientaron como áreas tecnolóxicas de especial interese: a automatización robótica de procesos, a identificación biométrica, a enxeñaría lingüística e interfaces de voz, técnicas avanzadas de intelixencia artificial e a xestión avanzada e masiva de datos /(Big Data).
Laboratorio de proxectos
“Neste primeiro ano o que imos facer é pór en marcha diferentes iniciativas para ver que vai cadrando mellor”, explicou García Mateo, quen adiantou tamén que se prestará especial atención ás ideas que vaian xurdindo en torno ao alumnado, sobre todo en materias como Laboratorio de Proxectos, na que grupos de alumnos desenvolven unha idea empresarial, tanto desde o punto de vista tecnolóxico como do modelo de negocio. “Cremos que a cátedra pode apoiar estes proxectos, tanto con actividades formativas como, por exemplo, con premios para os mellores proxectos”, recalcou García Mateo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.