A aprendizaxe-servizo é una metodoloxía activa que consiste en que o alumnado aprende facendo un servizo á comunidade. Isto axuda a que o estudantado adquira as competencias técnicas da titulación pero tamén outra máis xenéricas que teñen que ver co compromiso ético, a responsabilidade social ou traballo en equipo. A Universidade de Vigo quere apostar por este sistema poñendo en marcha, por unha banda, unha Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo (ApS) e, por outra, un curso formativo sobre a metodoloxía que axude ao profesorado a presentar propostas.
Esta vía de traballo está impulsada pola Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e conta coa colaboración da Área de Formación e Innovación Educativa da Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado.
O curso, entre maio e xuño
O curso, que salvo unha sesión presencial, terá carácter virtual, desenvolverase do 20 de maio ao 9 de xuño. Será impartido por María de los Ángeles Villar, da Área de Formación e Innovación Educativa e contará coa colaboración do profesor Alexandre Sotelino, da Universidade de Santiago de Compostela, que pertence ao Grupo de Investigación Esculca que está especializado na aprendizaxe-servizo.
Na sesión presencial, na tarde do 31 de maio, prevese a participación de representantes de entidades comunitarias cos que a Universidade de Vigo ten convenio de colaboración para que o profesorado poida coñecer de primeira man as necesidades sociais e a través da colaboración coas devanditas entidades poder artellar un proxecto.
Por outra banda, dende a Área de Responsabilidade Social e Cooperación tamén se deseñou unha edición do curso dirixida ás entidades sociais, xa que estas son fundamentais para o bo desenvolvemento da metodoloxía e como medida de integración.
As solicitudes da convocatoria de proxectos, ata o 14 de xuño
Coa convocatoria de proxectos de innovación educativa en aprendizaxe-servizo que se pon en marcha tamén se tratará de fomentar o uso desta metodoloxía, ofrecendo asesoramento asesoramento na implantación da ApS, axudando á institucionalización desta técnica e fortalecendo a cultura participativa da Universidade de Vigo cos diferentes axentes sociais, a través da aprendizaxe experiencial, preparando o alumnado para a cidadanía global e responsabilidade social do alumnado.
O prazo de presentación de solicitudes, que se deben remitir á Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, remata ás 14.00 horas do 14 de xuño de 2019. Os proxectos poden ser tanto individuais como grupais e teñen e deben ser desenvolvidos por persoal docente investigador con carga docente no POD. Tamén poderán participar outros membros da comunidade universitaria e persoas pertencentes a entidades sociais, asociacións e institucións necesarias para desenvolver o proxecto.
Para a valoración dos proxectos a comisión de revisión terá en conta criterios no deseño do proxecto como a necesidade social, a xustificación da contribución do servizo á adquisición das competencias da materia, a planificación do proxecto educativo, a repercusión do proxecto, difusión e comunicación da experiencia, o carácter innovador da experiencia, a colaboración con axentes sociais, centros e outras institucións necesarias para desenvolver o proxecto e vinculación permanente da persoa coordinadora coa Universidade de Vigo ou compromiso de permanencia ao fronte do proxecto.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.