A Universidade convoca as bolsas comedor cunha contía de 500€ anuais

O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de marzo
Publicado por o día 28/02/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade convoca as bolsas comedor cunha contía de 500€ anuais

O alumnado de grao e mestrado da Universidade de Vigo pode solicitar ata o 8 de marzo as bolsas comedor, unha axuda de 500€ anuais destinada a garantir a igualdade de oportunidades das persoas que se atopen nunha situación económica que poida dificultar o seu acceso e permanencia na Universidade. A partida orzamentaria para esta iniciativa é de 280.000€, polo que ata 560 estudantes da institución académica viguesa poderán beneficiarse deste complemento económico á formación. A contía é compatible con calquera outra bolsa de estudos e está destinada a quen posúa unha renda familiar preto do limiar de pobreza e que, por motivos académicos, non acada a contía máxima da bolsa xeral do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Para garantir que se outorguen todas as axudas, este ano a Universidade incrementou o limiar de 3000€ de renda anual por membro da unidade familiar a 4000€, xa que o ano pasado, pese a que houbo 950 solicitudes, só 471 persoas cumprían os requisitos económicos e non se cubriron o número de bolsas convocadas. Ademais, o patrimonio familiar non pode superar determinados límites que se poden consultar no texto da convocatoria.

A maiores, hai outras dúas novidades. Por unha banda, e co obxectivo de simplificar os trámites, o alumnado que solicitou a beca MEFP non terá que presentar a documentación pertinente, “pero si deberá presentar a solicitude”, explica Rosa Graña, xefa do Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos. Por outra  banda, tamén se modificaron as datas da convocatoria. Anteriormente, as bases publicábanse no primeiro cuadrimestre pero a Universidade de Vigo decidiu trasladalas ao mes de febreiro dado que “é necesario resolver previamente as bolsas de carácter xeral do MEFP e adecuar os prazos ao almanaque de xestión para poder así acurtar o tempo de resolución, que será nun máximo de tres meses a contar dende o 8 de marzo”, conclúe Graña. O pagamento da bolsa efectuarase no prazo dun mes dende a resolución.