A Universidade quere facer que o alumnado estranxeiro se sinta na súa casa

Por o 24/06/2019 | Sección: Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
A Universidade quere facer que o alumnado estranxeiro se sinta na súa casa
Compartir en:

Os próximos estudantes estranxeiros que chegarán á Universidade de Vigo aínda están por aterrar e teñen por diante un curso nunha universidade que non é a súa pero que os vai recibir como se o fose. Para facer que se sintan como na súa casa, a Universidade precisa da axuda dos alumnos e alumnas dos tres campus. Baixo o lema UVigo cos brazos abertos, a Oficina de Relacións Internacionais (ORI) está na procura de voluntarios e voluntarias que axuden nas tarefas de benvida e acollida do alumnado de intercambio estranxeiro para o curso 2019/2020. Trátase dun novo programa de voluntariado que cumpre unha función dobre, por unha banda, recibir o estudantado estranxeiro, acolléndoos na institución e, por outro lado, facilitarlles a chegada a Vigo, Ourense ou Pontevedra ao mesmo tempo que se lles axuda na súa integración na vida dos distintos campus e na das cidades de acollida.

Ao longo do presente curso foron máis de 700 as alumnas e alumnos estranxeiros os que pasaron polos tres campus da Universidade, 571 en Vigo, 76 en Pontevedra e 64 en Ourense. Unha cifra histórica, a maior das rexistradas na historia da institución. A Universidade de Vigo quere seguir aumentando a presenza do estudantado de intercambio e unha das craves para logralo é facer que quen vén a Vigo, Ourense ou Pontevedra, se sinta cómodo no seu campus de acollida. Por iso, ano tras ano, organízanse multitude de actividades que teñen como finalidade darlle a benvida e integrar aos alumnos e alumnas de intercambio nas actividades, clases e servizos da Universidade así como na  vida, costumes e lingua de Galicia.

Traballando dende antes de que aterren

O traballo dos voluntarios e voluntarias comezará antes da chegada dos estudantes de intercambio, establecendo un primeiro contacto cos que se lles teñan asignado a cada un deles para presentarse e ir coñecéndose. Unha vez que o alumno ou alumna aterre en terras galegas, os voluntarios terán que recollelos e acompañalos á ORI, ao seu lugar de aloxamento e a facultade que lles corresponda. Ademais, os participantes en UVigo cos brazos abertos, tamén terán unha función de asesoramento sobre as actividades que se desenvolven no campus de recepción, as opcións de aloxamento (en caso de que os estudantes de intercambio non teñan xa un definitivo), os lugares de interese (hospitais, consulado, policía, etc.) e os distintos cursos de linguas e cultura aos que o alumnado estranxeiro pode acceder para facilitar a súa inmersión na vida de Galicia. Por último, as tarefas do estudantado voluntario inclúen o apoio na organización de distintas actividades que xa se viñan desenvolvendo como unha festa de benvida, visitas polas cidades dos tres campus e excursións a puntos de interese da comarca como as illas Cíes en Vigo, Combarro en Pontevedra ou a Ribeira Sacra en Ourense.

Os participantes no programa de acollida dedicaranlle 30 horas á realización das actividades, destas, tres serán de formación nas funcións que van desempeñar durante as actividades de recepción do estudantado de intercambio. A benvida e a acollida dos alumnos e alumnas estranxeiros desenvolverase entre o 26 de agosto e o 31 de outubro no primeiro cuadrimestre e entre o 8 de xaneiro/28 de febreiro e o 20 de maio/20 de xuño de 2020 no segundo.

Inscrición

O estudantado da Universidade de Vigo que queira inscribirse no programa para a  recepción e acollida poderá facelo en tres quendas ao longo do curso, en función do cuadrimestre no que queiran colaborar. Para anotarse, as e os interesados deberán poñerse en contacto con Amelia Rodríguez Piña, directora da ORI, no correo dir.ori@uvigo.es ou no teléfono 986813751 de 8.30 a 14.30 horas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.