A Universidade de Vigo recibiu este venres en Padrón a insignia de ouro da Fundación Rosalía de Castro como recoñecemento institucional polo apoio e colaboración mantida ao longo dos últimos anos en numerosos proxectos, tanto de tecnoloxización, como da posta en marcha dos Encontros na Casa de Rosalía, a celebración dos 150 anos de Cantares gallegos en Vigo ou no proxecto Rosalía é Mundial, unha iniciativa coordinada polo profesor Xosé Henrique Costas que traduciu a máis de 30 linguas dous poemas da autora.
A entrega da insignia, bautizada como Rosa de Galicia, tivo lugar precisamente ao abeiro da celebración da segunda edición dos Encontros na Casa de Rosalía, xornada que contou coa participación do reitor, Salustiano Mato, quen recibiu a insignia de mans do presidente da fundación, o profesor e escritor Anxo Angueira, quen lle agradeceu á Universidade de Vigo e ao seu reitor a colaboración de todos estes anos. “A Universidade sempre acolleu de xeito positivo os nosos proxectos, desde os actos dos 150 anos de Cantares gallegos á difusión internacional da nosa escritora ou á celebración destes Encontros na Casa de Rosalía, que agardamos teñan continuidade”, explicou Angueira.
A Rosa de Galicia foi concedida por primeira vez en 2016 a Loliña Mosquera, filla de Xosé Mosquera, máis coñecido como O Vello dos Contos, un dos principais promotores da recuperación da Casa da Matanza para a súa posterior conversión en Casa-Museo e, en 2017, recoñeceuse tamén a familia doutra figura clave nos comezos desta institución, Camilo Agrasar, que “velou durante toda a súa vida por esta casa, entregouse a ela con paixón nos tempos máis difíciles e testoulle, como despois seguiu facendo a familia, documentos e pezas de valor para nós incalculable”, explicou Angueira.
Encontros abertos ao público, pero pensados para o alumnado estranxeiro
Actividade aberta ao público en xeral, pero pensada especificamente para o alumnado estranxeiro que aproveita a súa estadía en Galicia para achegarse á lingua e cultura galega e as alumnas e alumnos do Programa de Maiores, os Encontros na Casa de Rosalía xurdiron como un particular modo de abrir a casa da autora á reflexión sobre a súa figura e obra. Se en 2017 se contou coa participación dos profesores Xosé Antón Fernández Salgado, Áurea Rodríguez e Camiño Noia, nesta ocasión foron Xosé Henrique Costas, Manuel Forcadela e Rexina Vega os encargados de disertar sobre diferentes aspectos relacionados coa autora.
“O que dicía Rosalía sobre a muller segue a ser hoxe unha verdade incómoda”
O primeiro en intervir foi o profesor Xosé Henrique Costas, cun relatorio titulado O modelo de lingua literaria de Rosalía de Castro. A continuación foi a quenda de Rexina Vega co relatorio Soberbio como o Luzbel e doce como a esperanza. Na súa intervención, a escritora e docente disertou sobre como raramente as mulleres escritoras se conceden o permiso de falar do amor como unha peripecia, como unha xesta, como unha busca, e iso a pesar de que as mulleres que escriben adoitan mergullarse no ámbito do íntimo, das relacións persoais como material recorrente para os seus textos. “O amor para as mulleres é sempre sospeitoso. E é que a relación de poder que se establece márcanos como corpo, como obxecto con valor de cambio e data de caducidade”, salientou a autora, quen non dubidou en empregar verbas da propia Rosalia: ‘todo lo que viene a manchar de cieno los blancos ropajes todo te lo transmiten ellos que, sin embargo, te desprecian‘.
“O que dicía Rosalía sobre a muller, sobre a construción do desexo feminino, sobre os mecanismos da sedución, sobre a violencia patriarcal segue a ser hoxe unha verdade incómoda”, explicou Vega. “Coa distancia histórica que hoxe posuímos, move á hilaridade observar a recepción no seu tempo, os intentos de manipulación da súa figura convertida en mater dolorosa, en santa e paciente alma do fogar, en lirismo brando e piadoso. O que hoxe continúa sendo unha verdade incómoda que cómpre desvendar, atreveuse a nomealo xa no XIX Rosalía, quen, enxergando o corpo como prisión, devolve unha imaxe do amor romántico que condena á muller ao fracaso vital”, recalcou a autora.
Rosalía como luz e como sombra
No caso do profesor Forcadela titulou a súa intervención Rosalía como luz e como sombra e nela versou sobre a dificultade de encontrar un corte sincrónico que permita dicir quen foi Rosalía, “dada a brevidade da súa existencia e a continua mudanza de condicións de vida”, e sobre a necesidade proceder a interpretala como un conxunto de forzas contrapostas e en evolución que se manifestan nunha serie de polarizacións semánticas, que serían: a soidade-saudade versus a solidariedade, a modernidade versus a tradición, a atracción polo alleo versus a atracción polo autóctono e o patriarcado versus o feminismo.
Mañá, sábado, continuarán os recoñecementos da Fundación Rosalía e da Casa-Museo. Con motivo do Día Internacional da Muller, renderanlle homenaxe ás poetas Xohana Torres, María do Carme Kruckenberg, Pura Vázquez e Xela Arias, que formaban parte do grupo Daquelas que cantan. Será a partir das 19.00 horas e intervirán Helena González, Mercedes Queixas, Camiño Noia e Chus Nogueira, coordinadas por Ana Blanco. Ao rematar haberá un concerto con arpa a cargo de Rodrigo Romaní.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.