A Universidade súmase, por quinto ano consecutivo, á campaña ‘Cada niño, un juguete’

O ano pasado recolléronse 4000 xoguetes, arredor de 300 doados pola comunidade universitaria
Publicado por o día 12/12/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade súmase, por quinto ano consecutivo, á campaña ‘Cada niño, un juguete’

A Universidade de Vigo  súmase, por quinto ano consecutivo, á campaña Cada niño, un juguetecoordinada por Carlos Leiro, vicepresidente da Asociación Stop de Vigo e grazas á cal o ano pasado se recolleron na cidade de Vigo 4000 xoguetes, arredor de 300 doados por membros da comunidade universitaria.

Nesta edición están á disposición da comunidade universitaria ata o vindeiro venres día 14 diversos espazos nos campus de Vigo e Pontevedra nos que depositar xoguetes usados cos que colaborar con esta iniciativa solidaria. O obxectivo é recoller enredos infantís para distribuílos entre os meniños e meniñas que se encontren nunha situación de desprotección ou precariedade debido as súas circunstancias familiares e, deste modo, que ningún deles quede sen xogos ou bonecos durante estas datas. O único requisito é que non sexan cousas sexistas, nin bélicas e, na medida do posible, de carácter educativo.

No campus de Vigo hai puntos de recollida na cafetaría Lamarita de Cidade Universitaria, a residencia universitaria, a Biblioteca Central, o Edificio de Ciencias Experimentais, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía e o edificio Exeria, así como na EU de Estudos Empresariais en Torrecedeira. No caso de Pontevedra, o punto de recollida estableceuse na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Solidariedade en crecemento

Nestas datas é cando a ilusión chega aos nenos e nenas en forma de xoguetes, transformándoos en protagonistas das diferentes campañas solidarias de apoio a persoas sen recursos e recordando que todos os cativos e cativas teñen dereito a xogar. Así o entenden dende Cada niño, un juguete, que este ano suma a súa novena edición e que non deixa de medrar. Este ano sumaron esforzos arredor de 1000 persoas e 25 empresas, co obxectivo de superar os 4000 xoguetes recollidos o ano pasado, para que os rapaces e rapazas máis necesitados poidan xogar este Nadal. Unha vez se recollen os xoguetes, entréganse a distintos colectivos e asociacións para o seu posterior reparto.