A veciñanza de Tameiga acude a fiscalía ante as “ilegalidades” da cidade deportiva do Celta

A asociación de veciños A Portela (Tameiga) insta á Fiscalía a que abra dilixencias por delitos de prevaricación administrativa e contra a ordenación do territorio pola obras da cidade deportiva do RC Celta en Mos.
Publicado por o día 10/01/2021 na sección de Galicia,Mos

A veciñanza de Tameiga acude a fiscalía ante as “ilegalidades” da cidade deportiva do Celta

A asociación veciñal denuncia que o proxecto aprobado no seu día en Xunta de Goberno Local de Mos, segmentado en dúas partes, supón unha verdadeira  urbanización do espazo forestal dada a  natureza das obras e a magnitude do espazo ocupado.

Sinalan que das superficies afectadas, modificadas e edificadas, despréndese claramente  que  os  proxectos  aprobados  son  unha  verdadeira urbanización  dun  espazo  forestal,  co obxecto de obter dotacións ou equipamento  de tipo deportivo  para  unha  determinada  entidade deportiva de carácter privado.

Desde a asociación resaltan que as obras autorízanse en terreos rústicos de protección forestal, os cales antes do inicio das obras,  atopábanse nun estadio moi próximo ao natural, é dicir, cubertos de  arboleda sen practicamente intervención humana en canto a obras,  instalacións e/ou camiños.

A asociación de veciños de Tameiga recorda que ao tenor do disposto no art.36.4  da Lei 2/16 e o art.51.4 do Regulamento de desenvolvemento aprobado por Decreto 143/2016 requírese inexcusablamente a aprobación previa dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións. Devandito Plan non existía no momento de ser concedidas as licenzas indicadas. Nin está aprobado a día de hoxe.

Por outra banda, aínda no caso de que se considerase que as obras autorizadas non constitúen equipamento e/ou dotación de carácter deportivo, a propia natureza do chan  de especial protección forestal  onde  se sitúan fai que as mesmas non sexan autorizables, polo indicado no art.51.2 do Regulamento o cal indica que o uso debe de ser compatible co réxime de especial protección.

Desde a asociación veciñal aseguran que a protección forestal é incompatible coa urbanización, que é o que realmente se autorizou, dada  a magnitude  do  proxecto. Ademais, o art.37 da Lei do Solo prohibe a  apertura de camiños, o cal non só se fai co proxecto aprobado, senón que ademais faise un aparcamento de 5.500 m2 para  un número indeterminado de vehículos e tamén se apertura un “carreiro de mantemento” de 3.400 m2 segundo a propia memoria.