A WordCamp Pontevedra 2019 reunirá preto de 300 persoas en Ciencias Sociais e da Comunicación

A comunidade universitaria dispón de abonos a un prezo reducido
Publicado por o día 16/09/2019 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

A WordCamp Pontevedra 2019 reunirá preto de 300 persoas en Ciencias Sociais e da Comunicación

Trinta expertos e expertas en diferentes aspectos vinculados co desenvolvemento web protagonizarán os 28 coloquios inseridos no programa da segunda WordCamp Pontevedra, o evento centrado no xestor de contidos web máis empregado no mundo, WordPress, que os días 21 e 22 de setembro reunirá preto de 300 persoas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Organizada por voluntarios da comunidade WordPress Pontevedra, co apoio da organización internacional WordPress Foundation, a que é a única WordCamp de Galicia ampliou o seu aforo nesta segunda edición a 275 asistentes e desde a organización agardan completar a inscrición nos próximos días. Así mesmo, ao abeiro do convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a WordPress Foundation, resérvanse 55 entradas a un prezo reducido de 10 euros para as e os integrantes da comunidade universitaria.

“A WordCamp é unha moi boa oportunidade de promover unha oferta complementaria á actividade formativa académica e para que a facultade se siga consolidando como un referente” no ámbito da xeración de contidos dixitais, salienta o decano, Xosé Baamonde, que lembra neste centro impártese desde o pasado curso o mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais. Baamonde salienta así mesmo que o evento, que conta coa colaboración da facultade e da Vicerreitoría do campus, serve ademais “como unha especie de prólogo” ao 25 aniversario de Ciencias Sociais e da Comunicación, que desenvolverá a súa semana central entre o 7 e o 11 de outubro.

Coloquios de diferentes niveis e extensión

A WordCamp verase precedida, na xornada do venres 20, polo coloquio Emprende con WordPress, inserido na programación do Pont-Up Store, o encontro dedicado ao emprendemento que a Universidade promove, no marco do Campus Crea, entre o 19 e o 21 de setembro. Xa o sábado, CCSS e da Comunicación acollerá ao longo da xornada unha serie de coloquios que, como explica Juan Hernando, presidente da comunidade WordPress Pontevedra, permitirán abordar este xestor de contidos “tanto desde o prisma do usuario como do desenvolvedor”. Combinaranse, explican desde a organización, unha serie de relatorios de 25 minutos cun bloque de “charlas rápidas” de 10 minutos, tanto de iniciación como de nivel medio e avanzado. “A idea é que sexan charlas que animen a investigar despois, que mostren moitas posibilidades e que che permitan despois seguir aprendendo”, apunta Hernando.

Con ese mesmo obxectivo, a selección de coloquios tenta “tocar cantas máis temáticas posibles”, de tal xeito que abranguerán campos como o márketing, o posicionamento en buscadores, o internet das cousas, a elaboración de blogs e podcasts, o comercio electrónico ou aspectos de deseño e lexislación. Un total de 16 expertos e 14 expertas, “todos eles profesionais especializados”, foron seleccionados para dar forma ao programa deste evento. Entre eles figuran, entre outros, Fernando Tellado, autor do blog en castelán sobre WordPress máis visitado, e Ana Cirujano, únicos representantes españois na WordCamp Europe 2019, que o pasado mes de xuño reuniu máis de 3000 persoas en Berlín. Un dos seus organizadores, José Ramón Padrón, será así mesmo un dos expertos e expertas galegos participantes no evento, ao igual que o profesor da facultade Xabier Martínez Rolán.

O domingo 23 o evento completarase coa celebración do Día do contribuídor, no que as e os participantes aprenderán a colaborar co proxecto de WordPress en labores de tradución, soporte, deseño, márketing ou desenvolvemento.