A xornada “Profesionais pola Igualdade” concentrará o día 27 na Escola María Vinyals da Deputación as e os relatores máis relevantes do estado na materia

“Queremos que se tomen en serio as políticas de igualdade e ás persoas que traballan día a día na súa aplicación e posta en marcha”, subliñou Carmela Silva
Publicado por o día 07/09/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A xornada “Profesionais pola Igualdade” concentrará o día 27 na Escola María Vinyals da Deputación as e os relatores máis relevantes do estado na materia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de anunciar que o vindeiro 27 de setembro terá lugar no Castelo de Soutomaior, ao abeiro da programación da Escola de Igualdade María Vinyals, a xornada “Profesionais pola Igualdade“. O obxectivo do goberno provincial con esta actividade é analizar as políticas públicas de igualdade e facer fincapé na necesidade de contar con persoal técnico para dar resposta ás mulleres que sofren a desigualdade.

Carmela Silva informou que a acción formativa, dirixida a persoal técnico e político de eido local, profesionais que traballan na loita pola igualdade e contra a violencia machista e persoas interesadas en xeral, “pretende analizar a importancia das políticas de igualdade na actual axenda política e social, que afectan directa e indirectamente a toda a cidadanía”. Ademais, durante a xornada tamén se abordará a necesidade de contar con expertas e expertos en igualdade para analizar a problemática e propoñer medidas para a consecución da igualdade efectiva. Neste caso, reflexionarase sobre a importancia de visibilizar e poñer en valor aos e ás profesionais que traballan día a día na aplicación das políticas de igualdade.

A presidenta informou que “Profesionais pola Igualdade“, que contará “coas persoas máis coñecedoras de todo o que acontece sobre a igualdade no Estado”, comezará o venres 27 de setembro ás 9.30 da mañá e finalizará ás 19.30 horas. A primeira conferencia, “Importancia e necesidade das políticas de igualdade e profesionalización” correrá a cargo de Rosa Cobo ás 10.00 h, unha teórica feminista, escritora e profesora de Socioloxía do Xénero na Universidade da Coruña, e que dirixe o Centro de Estudos de Xénero e Feministas. A continuación, terá lugar a mesa redonda “Realidade das profesionais pola igualdade” na que participarán Mercedes Renda e Inmaculada Sánchez. Renda é feminista e axente de igualdade que preside APAIOGA (Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega) e Sánchez, licenciada en Dereito con tres máster en xénero, igualdade e prevención da violencia, unha especialidade en mediación e presidenta da Asociación Andaluza de Axentes de Igualdade.

Xa pola tarde e partir das 16.oo horas terán lugar os grupos de traballo “Profesionais pola igualdade no sector público”, “Profesionais pola igualdade no sector privado” e “Profesionais pola igualdade na educación” a cargo de Celso Taboada, Marián Mur e María Álvarez Lires. Celso Taboada é feminista especialista en feminismos, masculinidades, xénero, violencias de xénero, coeducación, plans de igualdade, corresponsabilidade e conciliación; Marian Mur, licenciada en Dereito, Diplomada en Dereitos da Muller e presidenta da Asociación de Integración e Promoción da Muller e da Asociación de Axentes de Igualdade de Castela a Mancha; e María Álvarez Lires, licenciada e doutora en Ciencias Químicas pola USC e profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais na Uvigo, onde é a codirectora do Grupo de Investigación CIES e a vicepresidenta do Seminario Interdisciplinario de Estudos de Xénero

A partir das 18.45 horas terá lugar a conferencia de Silvia Buabent titulada “A igualdade na axenda política e o papel das profesionais”.  Buabent, presidenta da Comisión de Igualdade e Dereitos Cívicos da Federación de Municipios de Madrid e vogal da Comisión de Igualdade da FEMP, é dende xuño de 2018 a actual directora do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades.

O prazo para inscribirse na xornada “Profesionais pola igualdade” abre hoxe e estenderase ata o día 23 de setembro. As persoas interesadas en formalizar a súa participación na actividade deberán cubrir un formulario que estará á súa disposición en www.depo.gal.