A Consellería de Cultura e Turismo publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de subvencións a proxectos novos de dinamización do Xacobeo 2021 dentro do programa O teu Xacobeo.
O obxectivo é converter o Xacobeo 21 no máis participativo celebrado ata agora, propiciando a transparencia e igualdade de oportunidades. Así, por primeira vez, calquera cidadán ou entidade, tanto pública como privada, poderá presentar as súas propostas para levar a cabo na antesala do vindeiro Ano Santo.
Dotado cun investimento de 2 millóns de euros, O teu Xacobeo concederá, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións a novos proxectos de dinamización ao longo deste 2019 e ata abril de 2020. A través desta iniciativa, o Goberno galego busca implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade para deseñar xuntos unha programación sociocultural que anticipe a celebración do Xacobeo 21 e a súa repercusión.
Deste xeito, definirase conxuntamente o seu contido desde unha perspectiva multidisciplinar e plural, impulsando ao mesmo tempo o desenvolvemento sustentable do territorio. Poderán optar a estas axudas económicas tres tipos diferentes de solicitantes: entidades locais (concellos galegos, mancomunidades de concellos, consorcios locais e as deputacións provinciais), entidades privadas (persoas físicas ou xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidas na definición de pequena e mediana empresa) e entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.
No caso de entidades públicas, abrirase unha liña de 875.000 euros, grazas á cal os concellos de menos de 3000 habitantes recibirán ata 10.000 euros por proxecto; os de 3000 a 10.000 habitantes, un máximo de 15.000 euros por proxecto; os de 10.000 a 50.000 habitantes, ata 25.000 euros por proxecto; e os de máis de 50.000 habitantes un máximo de 50.000 euros. Para as entidades privadas, disporanse 825.000 euros adicionais que cubrirán un máximo do 60% ata 25.000 euros. Finalmente, para entidades sen ánimo de lucro consígnanse 300.000 euros, con axudas polo 90% do proxecto presentado e ata 20.000 euros.
Áreas subvencionables
O teu Xacobeo abrangue un total de cinco áreas subvencionables: ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social.
O ámbito artístico comprende toda unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, artesanía, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas (teatro, danza, novo circo, etc.), literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos, conferencias, xornadas de formación, programas de intercambio con expertos doutras nacionalidades, charlas educativas en colexios, etc.
En canto a área gastronómica, inclúense experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribúan a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial. Tamén a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas (por exemplo: catas e degustacións, charlas, talleres, actividades de formación e intercambio, publicacións, feiras e outras).
No ámbito deportivo prevense eventos de calquera disciplina deportiva, con especial atención ás actividades non profesionais e para todos os públicos. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas, clases en grupo e tamén disciplinas relacionadas co benestar, o fomento da vida activa e o gozo respectuoso da natureza. Por último, o ámbito social contempla os programas de voluntariado, sociais e/ou educativos que fomenten a inclusión e participación.
Na repartición das subvencións os proxectos presentados valoraranse como criterios principais a pertinencia, calidade do contido e das actividades, comunicación e difusión, viabilidade e sustentabilidade. Así, avaliarase se se axusta aos obxectivos e prioridades da estratexia do Xacobeo 2021 especificada nas directrices aprobadas tanto polo Consejo Jacobeo a nivel nacional como pola Comisión Organizadora do Xacobeo 21 en Galicia. Tamén se terá en conta como se implementan na práctica ou en que medida contribúe á difusión dos valores e obxectivos asociados ao Ano Santo.
A presentación das solicitudes realizarase preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo remata o 15 de febreiro.
Participación e sustentabilidade
O teu Xacobeo forma parte de toda unha serie de medidas coas que o Executivo autonómico está a sentar as bases do vindeiro Ano Santo e que contan, a través da Consellería de Cultura e Turismo, cun investimento total de 30 millóns de euros.
O Xacobeo 21, concibido como unha cita que vai máis aló dun ano concreto, amplía o seu alcance e pegada tanto aos anos anteriores como aos posteriores, convertendo esta celebración en motor de desenvolvemento e dinamización de Galicia. Para iso conta con cinco piares fundamentais: planificación, participación de toda a sociedade, o seu carácter global, a proxección internacional e a sustentabilidade.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.