A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria da terceira edición do programa Principia que impulsará a contratación de 110 mozos e mozas investigadores en empresas e centros de coñecemento galegos co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos vinculados á I+D+i.
Mediante estes contratos, que deberán ter unha duración mínima dun ano, o Goberno galego busca abrir unha porta ao mercado laboral a universitarios ou titulados de FPII con pouca experiencia, xa que o programa estará focalizado nos mozos e mozas menores de 35 anos con menos de 36 meses empregados na súa categoría profesional.
Búscase que lles sirva como anclaxe ao mercado laboral, de forma que sexan contratados polas empresas despois da finalización do programa, reforzando así a competitividade en materia de investigación do tecido empresarial galego. De feito, preto de 150 dos investigadores contratados nas dúas primeiras convocatorias non tiña experiencia laboral.
A terceira edición do Principia, que contará cun investimento da Xunta de 1,1 millóns de euros e que agarda mobilizar 2,8, ten entre as súas novidades a limitación de contratos por entidade solicitante a un máximo de 5 para conseguir que todas as solicitantes conten con axudas, que poderán chegar a 10 no caso de que queden remanentes. Ademais, puntuarase especialmente ás entidades que contrataran traballadores noutras edicións e cumpriran o seu compromiso. O prazo de solicitude estará aberto dese mañá, 22 de maio, ata o 21 de xuño.
Consolídase así este programa pioneiro en Galicia que, desde a súa posta en marcha en 2016, concedeu axudas para a contratación de máis de 300 mozos e mozas, preto da metade con carácter indefinido. Unha iniciativa que trata, ademais, de incentivar a contratación feminina e fomentar as vocacións STEM entre as mulleres e que conseguiu que o 42% dos contratos foran femininos. Ademais, na primeira edición, convocada no ano 2016, xa que a segunda aínda non rematou, case oito de cada dez traballadores contratados a través deste programa permaneceron nas empresas transcorrido o ano que se bonificou, mentres que no caso dos centros de coñecemento foron preto do 60%.
No marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), a Xunta continúa así a súa aposta pola captación e retención do mellor talento, como unha das ferramentas principais para aumentar a capacidade innovadora do tecido produtivo galego e con ela a competitividade da Comunidade, obxectivo recollido, tamén, no Plan Galicia Innova 2020.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), ten posto en marcha varios programas cun gran impacto na retención de talento en Galicia. Así, destacan iniciativas como os contratos programa -que apoian aos centros tecnolóxicos e ás fundacións sanitarias-, as Unidades Mixtas de Investigación, ou o programa Oportunius, reforzando así a capacidade de innovación de Galicia e tendendo pontes entre os organismos públicos de investigación e o tecido empresarial. Proximamente sumarase, tamén, o novo programa Talento Senior.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.