A Xunta abre o prazo de matrícula nas escolas infantís da rede autonómica da Galiña Azul e nas prazas concertadas para o vindeiro curso 2019/20

Inclúese por primeira vez o requisito do cumprimento do calendario de vacinación oficial para poder inscribirse e a posibilidade de presentar a solicitude fóra de prazo para as familias galegas retornadas do exterior
Publicado por o día 17/03/2019 na sección de Educación

A Xunta abre o prazo de matrícula nas escolas infantís da rede autonómica da Galiña Azul e nas prazas concertadas para o vindeiro curso 2019/20

A Xunta abre a partir de mañá e ata o vindeiro día 5 de abril o prazo de inscrición para o curso 2019/20 nas escolas infantís da rede autonómica da Galiña Azul, que poñen a disposición das familias 10.379, 114 máis que no actual curso. Tamén se abre o prazo nas 492 prazas públicas concertadas con centros de titularidade privada. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe estas tres resolucións, que por primeira vez inclúen como requisito o cumprimento do calendario de vacinación oficial para acceder a un centro público ou praza concertada. Orde para Escolas infantís dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, orde para Escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais e orde para prazas públicas en escolas infantís de titularidade privada.
Ao respecto desta nova exixencia cómpre indicar que as familias contarán con 8 días unha vez confirmada a adxudicación da praza no DOG para presentar no centro correspondente o impreso de matrícula debidamente cuberto e unha copia da cartilla de vacinación da súa filla ou fillo. O obxectivo desta medida, que conta co amparo da lexislación vixente e conta co respaldo da ampla maioría dos profesionais médicos, axudará a garantir a protección da saúde nestes espazos públicos.

Así mesmo, recolle a posibilidade de presentar a solicitude fóra do prazo establecido para as galegas e galegos que residiran fóra de España e retornen a Galicia durante o ano 2019, para facilitarlles o regreso.

En canto ás 114 prazas máis que se incrementan o vindeiro curso, son o resultado da entrada en funcionamento da escola infantil de Vilaxóan, en Vilagarcía, con capacidade para 74 nenas e nenos distribuídos en 5 unidades; e das 40 prazas a maiores que se habilitarán nos centros de Arzúa e Cedeira unha vez que se completen os traballos de ampliación destes dous recursos (con 20 novas en cada un deles). No caso das prazas creadas con estas dúas ampliacións cómpre indicar que estarán operativas xa iniciado o curso 2019/20.

As prazas da rede autonómica da Galiña Azul e as contratadas en escolas privadas compleméntase coas prazas que a Xunta financia en escolas de iniciativa social e naquelas que dependen dos concellos.