A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas do Galicia Inviste para apoiar investimentos empresariais de case 40M€

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a nova convocatoria do programa Galicia Inviste, co que o Goberno galego prevé impulsar 120 proxectos de pemes
Publicado por o día 30/09/2018 na sección de Economía

A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas do Galicia Inviste para apoiar investimentos empresariais de case 40M€

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver, a través do Igape, e segundo publicou esta semana o Diario Oficial de Galicia, a concesión das axudas correspondentes á última convocatoria do programa Galicia Inviste, que apoiará iniciativas das pemes, que mobilizarán preto de 40 millóns de euros para a mellora da súa competitividade.

Dotada con 6,5 millóns de euros, a nova convocatoria desta iniciativa estará aberta ata o 28 de decembro e poderá favorecer arredor de 120 proxectos empresariais de investimentos comprendidos entre 50.000 e 2 millóns de euros, o que supón incrementar a contía máxima en 1,1M€, xa que na edición anterior alcanzaba os 900.000 euros.

O Galicia Inviste, cofinanciado por Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, vai dirixido ás pemes que desenvolvan proxectos de investimento relacionados coa obra civil ou coa adquisición de maquinaria e de bens de equipo para a creación de novos establecementos ou para a modernización e diversificación dos existentes.

As axudas, que poden chegar ata o 30% dos investimentos subvencionables no caso das pequenas empresas e ata o 20% para as medianas, abranguen sectores produtivos diversos: industrias extractiva e manufactureira; de xestión e valorización de residuos; reparación de vehículos; loxística; hostalería; sector TIC; e servizos técnicos.

Entre os criterios para a concesión dos apoios, préstase especial atención ao tamaño das empresas, o mantemento do emprego e o compromiso de creación de traballo de carácter indefinido. Se os proxectos empresariais se desenvolven nos Concellos Emprendedores, poderán tamén contar con apoio os investimentos nos terreos ata o límite do 10% do gasto total subvencionable.

A Administración autonómica, a través do Galicia Inviste e dos Incentivos Rexionais que xestiona o Igape, aprobou axudas para apoiar 154 proxectos empresariais que levan asociados unha mobilización de preto de 460 millóns de euros e a creación ou mantemento de 1.741 postos de traballo.