A Xunta abre o prazo de solicitude do Bono autónomo con axudas de ata 3000 euros para apoiar a consolidación deste colectivo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria do programa que para este ano conta cun investimento de 3 millóns de euros
Publicado por o día 06/06/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta abre o prazo de solicitude do Bono autónomo con axudas de ata 3000 euros para apoiar a consolidación deste colectivo

O prazo de solicitude para optar ás axudas do Bono Autónomo, de ata 3000 euros, rematará o próximo 4 de xullo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria do programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria para este ano, que está dotado cun investimento de 3 millóns de euros.

Trátase dunha iniciativa coa que a Xunta busca apoiar servizos e investimentos para a mellora da competitividade empresarial ou profesional dos traballadores por conta propia que contan cunha antigüidade superior aos 42 meses, teñan uns rendementos netos reducidos que sexan inferiores a 30.000 euros ao ano e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, declarados no ano anterior ao da convocatoria. A Administración autonómica prevé beneficiar a 1000 autónomos. Apoiaranse os gastos que se teñan realizado desde onte e ata o 20 de decembro.

A actuación conta con dúas liñas de axudas para mellorar a competitividade dos autónomos. Apoiarase, dunha banda, o desenvolvemento de servizos destinados á investigación de mercado e plans de marketing, comunicación, estratexia, crecemento, comunicación, refinanceamento ou reorientación do negocio, así como os dirixidos ao uso das novas tecnoloxías. Tamén se poderán aprobar axudas para outros estudos ou plans que teñan como fin incrementar a competitividade da actividade empresarial.

Financiarase, doutro lado, e, como novidade este ano na convocatoria deste programa, investimentos relacionados coa compra de maquinaria, ferramentas, equipos informáticos ou rótulos; coa reforma do local; a posta en marcha de aplicacións informáticas e páxinas web ou a creación de logotipos do negocio.

O Bono autónomo forma parte dun dos retos principais do Goberno galego para favorecer a consolidación da actividade deste colectivo.

Outras liñas de apoio activadas este ano pola Xunta, a través da Estratexia Autónomo 2020, son as axudas por valor de 14,6 millóns para impulsar o inicio da actividade, coas que se prevé beneficiar a 4.100 autónomos; e as destinadas a favorecer a contratación indefinida de traballadores en 190 empresas de autónomos, para as que se dedican 1,35 millóns. En total, a Xunta inviste nestas dúas iniciativas 16 millóns de euros.

Así mesmo, está aberto o prazo de solicitude das axudas para favorecer a conciliación dos autónomos e para ampliar a tarifa plana.

A Xunta con estas actuacións segue executando a Estratexia Autónomo 2020 co obxectivo de poñer ao alcance dos traballadores por conta propia as maiores facilidades para que poidan seguir emprendendo e crecendo. A planificación inclúe 20 medidas para apoiar a estes traballadores na incorporación de novas persoas ao seu emprego, na consolidación da actividade existente para garantir a súa viabilidade e na simplificación e axilización da tramitación administrativa.