A Xunta abriu o prazo para o concurso do deseño do cartel do día 8 de marzo co gallo da celebración do Día Internacional da Muller – 8M-, no que poderán participar os centros educativos galegos.
Concretamente, poderán participar centros educativos de ensino non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia en dúas categorías. A primeira categoría é para o Alumnado 5º e 6º de educación primaria e 1º, 2º de educación secundaria obrigatoria (ESO). Na segunda categoría poderán participar o alumnado de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO) e 1º e 2º de bacharelato.
O obxecto do concurso é fomentar a promoción da igualdade dentro dos centros educativos galegos, a través dunha acción que visibilize a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.
A imaxe gráfica que resulte gañadora poderá ser utilizada pola Xunta de Galicia na conmemoración do Día Internacional da Muller, así como para outras accións de sensibilización e promoción da Igualdade. As bases poden consultase nesta ligazón. O prazo de presentación dos traballos remata o vindeiro 15 de febreiro. O concurso está financiado grazas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.