A Xunta achega máis de 250.000 euros en 20 bolsas de formación e na mellora dos arquivos de Galicia

O Diario Oficial de Galicia recolle a convocatoria das axudas polas cales titulados universitarios poderán desempeñar o seu labor durante seis meses no Sistema de Arquivos de Galicia e nos servizos centrais da Consellería de Cultura e Turismo
Publicado por o día 18/02/2020 na sección de Cultura

A Xunta achega máis de 250.000 euros en 20 bolsas de formación e na mellora dos arquivos de Galicia

A Xunta de Galicia, a través do Diario Oficial de Galicia, convoca dúas liñas de axudas para bolsas de formación e para a mellora dos arquivos de Galicia por importe superior a 250.000 euros.

A primeira delas ofrece 20 bolsas de formación en arquivos de Galicia por un importe de preto de 110.000 euros, tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia. Estas axudas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais. Así, os beneficiarios realizarán o seu labor no Sistema de Arquivos de Galicia aos cales sexan destinados e nos servizos centrais da Consellería de Cultura e Turismo.

As bolsas terán unha duración de seis meses, con posibilidade de prórroga, e o importe bruto mensual de cada bolsa será de 895 euros. Poderán ser beneficiarias as persoas en posesión dun grao universitario ou equivalente, que acrediten o dominio da lingua galega e que non teñan emprego remunerado nin estean a percibir calquera outra axuda.

Estas axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva e na valoración terase en conta a titulación académica, a formación complementaria e a asistencia a congresos, xornadas e seminarios. As persoas interesadas poderán formalizar a súa solicitude ata o 20 de marzo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Axudas para a mellora dos arquivos de Galicia

Por outra banda, a Administración autonómica tamén conta cunha liña de subvencións para a mellora dos arquivos de Galicia á que destina un total de 145.000 euros en 2020 para a realización de actividades de descrición de fondos documentais. Esta nova convocatoria de axudas, publicada no Diario Oficial de Galicia, diríxese aos entes locais e ás entidades sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 16 de marzo na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a avaliación dos proxectos teranse en conta diversos criterios, entre eles, a antigüidade e o interese dos fondos a describir, o nivel de autofinanciamento e a viabilidade do proxecto. No caso das entidades locais terase tamén en conta o número de habitantes do municipio e mais a presentación de solicitudes por parte dunha agrupación de concellos.

Para que os arquivos realicen adecuadamente as súas funcións e a cidadanía teña acceso á información contida nos documentos, é preciso que estean dotados de infraestrutura e equipamento axeitados, e que os seus fondos documentais estean organizados, en bo estado físico e mesmo reproducidos noutros soportes.

Con esta liña de subvencións, a Xunta colabora no financiamento dos arquivos do Sistema de Arquivos de Galicia para garantir a conservación e o acceso ao patrimonio documental que custodian, cun máximo dun 80% do investimento total do custo dos proxectos. A axuda máxima por beneficiario será de 6.000 euros, ascendendo a 8.000 euros se son solicitudes conxuntas.