A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta acaba de activar a alerta laranxa por un temporal costeiro que comezará mañá e que afectará o litoral de toda a comunidade.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir das 14,00 horas de mañá espéranse ventos do suroeste, con forza 8 a intervalos. Na costa do noroeste e oeste da Coruña poderán acadar a forza 9 ocasionalmente, con mar combinada do oeste de 5 a 6 metros.
Cómpre lembrar que, ademais, hoxe está activa alerta amarela por chuvias en varias zonas das provincias da Coruña e Lugo, e que mañá tamén estará activo o aviso amarelo por vento e chuvias en gran parte da comunidade autónoma, polo que se recomenda extremar as precaucións.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.