A Xunta activa a alerta laranxa por vento en toda Galicia e por temporal costeiro no litoral galego

O fenómeno adverso por vento comezará esta noite con refachos de ata 120 quilómetros por hora e afectará ao interior, o suroeste e o sur da Coruña; ao centro, a montaña e o sur de Lugo; e ás provincias de Ourense e Pontevedra
Publicado por o día 02/03/2020 na sección de Sucesos,Xunta de Galicia

A Xunta activa a alerta laranxa por vento en toda Galicia e por temporal costeiro no litoral galego

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por vento nas catro provincias galegas. Ademais, tamén se activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso de vento comezará na noite de hoxe e afectará ao interior, o suroeste e o sur da provincia da Coruña; o centro, as zonas de montaña e o sur de Lugo; así como a totalidade das provincias de Ourense e Pontevedra. Agárdanse refachos de vento do oeste que poden acadar rachas máximas de 120 quilómetros por hora, sobre todo nas provincias de Pontevedra e Ourense.

No mar, espéranse desde primeiras horas da xornada de mañá mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros no noroeste e no sur do litoral da Coruña e na Mariña de Lugo. Ademais, en toda a costa de Pontevedra e no suroeste do litoral coruñés o vento no mar será de forza 8 a 9 desde esta noite e durante toda a madrugada.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

A Xunta lembra que, co vento, o mobiliario urbano pode desprazarse e os restos de árbores e pólas que puideron caer á vía poden condicionar a circulación. Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse co vento.

No referente ao temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. A Xunta tamén recorda a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos

Tamén se aconsella a suspensión das actividades no mar naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade e revisar os cabos e amarres das embarcacións. Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.