A Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa costeiro e de vento e chuvia nas provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo

Mañá suspenderanse as actividades no exterior nos centros educativos da totalidade das provincias da Coruña, Pontevedra e da Mariña de Lugo e tamén as actividades deportivas ao aire libre nestas zonas, onde se esperan refachos de máis de 100 quilómetros por hora
Publicado por o día 15/01/2020 na sección de Galicia

A Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa costeiro e de vento e chuvia nas provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro que afectará desde esta madrugada ao litoral da Coruña e Pontevedra, e tamén por vento nestas dúas provincias e en Lugo, ademais de por chuvias na Coruña.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), espéranse ventos do sur ou do suroeste que poden acadar os 100 quilómetros por hora e que afectarán a partir de mañá ás provincias da Coruña e Pontevedra e na Mariña de Lugo. No resto da comunidade o nivel de alerta será amarelo con refachos de ata 95 quilómetros por hora.

A AEMET tamén alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra. Agárdanse ventos do sur ou do suroeste que poden acadar forza oito.

Ademais, activarase a alerta laranxa por chuvias intensas e persistentes durante toda a xornada de mañá no oeste, no interior e no suroeste da provincia da Coruña, onde se esperan precipitacións acumuladas de ata 90 mm en 12 horas.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Suspensión das actividades no exterior

A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender mañá as actividades no exterior dos centros educativos radicados nas zonas decretadas con alerta laranxa por refachos de vento superiores a 100 quilómetros por hora. Segundo o establecido por Meteogalicia, este fenómeno adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica da totalidade das provincias de Pontevedra, A Coruña e a Mariña de Lugo.

Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares.

Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte vén de instar á suspensión de todas as actividades deportivas ao aire libre nas zonas afectadas. A Secretaría Xeral para o Deporte pretende deste xeito preservar a seguridade dos deportistas, adestradores, árbitros ou xuíces, afeccionados, operarios e garantir que non se produza incidencia algunha nas instalacións.

A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia.

Recomendacións

A Xunta lembra que, co vento, o mobiliario urbano pode desprazarse e os restos de árbores e pólas que puideron caer á vía poden condicionar a circulación. Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse co vento.

Ante as fortes chuvias, aconséllase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse (pontes, torrentes, etc.), non aparcar nas ribeiras dos ríos e non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade ( bicicletas ou ciclomotores).

Debido ao temporal costeiro, lémbrase a importancia de permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. É preciso evitar aproximarse a diques, rompentes, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar.

Por mor da alerta laranxa no litoral, tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.