A Xunta colaborará con 36 entidades para poñer en marcha programas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución desta convocatoria de axudas destinada a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro
Publicado por o día 27/05/2019 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta colaborará con 36 entidades para poñer en marcha programas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para que desenvolvan programas integrais de atención dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. En total, nesta convocatoria resultaron beneficiarias un total de 36 entidades.

O orzamento para este ano ascende a preto de 910.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.

Os programas que se financiarán ao abeiro destas axudas teñen como obxectivo fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, e para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e persoal.

Teñen a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade, entre outras, as vítimas de violencia de xénero; inmigrantes, emigrantes ou refuxiadas; pertencentes a minorías étnicas; dependentes do consumo de substancia tóxicas; perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións; reclusas ou ex-reclusas; transexuais ou con conflitos de identidade de sexo; con discapacidade ou enfermidade mental; maiores ou viúvas; sen fogar; ou desempregadas de longa duración.

Os programas que se financian poden ser de dous tipos: de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de 3 anos e en situación de especial vulnerabilidade; e de atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos.

Estas actuacións inclúen, entre outros recursos, servizos de orientación e información, atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural e/ou familiar, apoio e orientación laboral, ou actividades para adquisición de habilidades persoais e sociais básicas.