A Xunta completa desde hoxe a incorporación presencial nos servizos de rexistro e atención á cidadanía

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia cos responsables destes servizos nas cidades galegas
Publicado por o día 25/05/2020 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta completa desde hoxe a incorporación presencial nos servizos de rexistro e atención á cidadanía

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que desde hoxe se normalizará a asistencia de persoal nas oficinas de atención á cidadanía e de rexistro das sete cidades galegas. A incorporación presencial realizarase nos horarios habituais salvo nos casos das persoas vulnerables ou con menores ao seu cargo, que seguirán teletraballando.

Así o explicou despois de manter unha reunión por videoconferencia con responsables deste servizo nas sete cidades galegas, na que tamén participou a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto. Desta forma, sinalou que este proceso se enmarca no protocolo de medidas preventivas fronte ao coronavirus nos servizos de rexistro e atención á cidadanía para a súa apertura ao público acordado polo Centro de Coordinación Operativa (Cecop).

O proceso de incorporación iniciouse o pasado 4 de maio con dúas persoas en cada turno, logo a metade do persoal en cada quenda e agora complétase co resto de empregados públicos no seu horario de traballo.

O vicepresidente da Xunta incidiu en que durante o estado de alarma “os rexistros das cidades mantivéronse operativos e actuaron como a porta de entrada para permitir que a Administración autonómica seguise funcionando na súa relación coa cidadanía”. Nesta liña, indicou que neste periodo rexistráronse case 100.000 escritos de entrada e unha cifra similar de notificacións.

Alfonso Rueda engadiu que con este plan preténdese que a prestación deste servizo se leve a cabo para garantir a máxima seguridade e a saúde dos empregados públicos e dos usuarios destas oficinas, que contan co material de protección necesario. Por iso, anunciou que se manterá o sistema de cita previa de cara a organizar de forma axeitada a atención ao público, así como minimizar os riscos de exposición e evitar aglomeracións de persoas.

Por tanto, a atención presencial seguirá realizándose coa solicitude de cita previa a través da web www.xunta.gal/cita-previa en horario de 9 a 14 horas. Igualmente, as citas deben solicitarse cun mínimo de 24 horas de antelación. Ademáis, a cita previa tamén pode solicitarse chamando ao teléfono 012.

O vicepresidente da Xunta destacou ademais a aposta do Goberno galego pola modernización e a dixitalización e pola adaptación do espazo das oficinas de rexistro. Co obxectivo de avanzar na xestión electrónica incidiu na importancia de implantar ferramentas como un rexistro de apoderamentos e outro de funcionarios habilitados que permiten a representación de terceiras persoas en distintos trámites.

En canto á atención á cidadanía, destacou o papel do Sistema Integrado de Atención á Cidadanía (SIACI), un servizo multicanle que garante o dereito da cidadanía a recibir da Administración autonómica a información que precise. Ademais da atención presencial, os cidadáns poden contactar coa administración a través do teléfono 012, consolidado como referencia telefónica da Xunta para a atención e información á cidadanía.

Desde a súa posta en funcionamento en 2011 este servizo de atención telefónica atendeu case 4 millóns de chamadas e desde o inicio do Estado de Alarma máis de 125.000, case sete de cada dez sobre consultas relacionadas con consultas non sanitarias relacionadas co coronavirus.

Os cidadáns tamén poden presentar de forma electrónica case o 95% dos procedementos que a Xunta ten á súa disposición. De feito, Alfonso Rueda sinalou que nestes meses de pandemia se apreciou “un notable incremento das solicitudes de acreditacións de particulares para a xestión telemática de trámites”, o que permite “unha relación máis áxil evitando a presenza física e coa mesma efectividade”.