A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará este ano un importe de 800.000 euros a axudas para adquisición de vivenda por parte de menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitante. O importe global desta liña de axudas cuadriplica os fondos destinados a esta liña de incentivos o pasado ano. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se procede á convocatoria destas axudas, que se poderán solicitar ata o 31 de outubro, salvo que antes se esgote o orzamento.
O Instituto galego de Vivenda e Solo (IGVS) subvencionará con ata 10.800 euros a adquisición de vivenda por parte de menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes, co obxectivo de contribuír ao asentamento de mozos nos concellos menos poboados, favorecendo a fixación de poboación nova nas áreas máis rurais de Galicia.
O importe de cada axuda concedida será do 20 por cento do custo de adquisición da vivenda e sempre cun límite máximo de 10.800 euros por beneficiario. No suposto de ser adquirida por máis dun propietario repartirase o citado importe en función da porcentaxe da cota adquirida.
Tamén poderán acollerse á convocatoria de 2019 os propietarios de vivendas que, reunindo todos os requisitos esixidos na resolución, fosen adquiridas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2019; así como as persoas que presentasen unha solicitude de subvención na convocatoria de 2018 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na mesma.
Requisitos
Os principais requisitos que teñen que cumprir os solicitantes destas axudas serán:
- Ter menos de 35 anos de idade na data de presentación da solicitude.
- Ter nacionalidade española ou residencia legal en España.
- Dispoñer duns ingresos anuais por parte das persoas que compoñen a unidade de convivencia iguais ou inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem). Excepcionalmente, os ingresos poderán chegar a 4 veces o Iprem no caso de familias numerosas de categoría xeral ou unidades de convivencia con discapacitados; e no caso de familias numerosas de categoría especial ou unidades de convivencia nos que algún membro sufra unha das discapacidades establecidas na resolución, o límite será de 5 veces o Iprem.
- Ter subscrito un contrato privado ou unha escritura pública de adquisición da vivenda con posterioridade a 1/01/2019, salvo para aquelas persoas que tendo solicitada a axuda en 2018 se lles denegara por esgotamento de crédito.
Polo que respecta ás vivendas, estas deberán cumprir as seguintes condicións:
- Estar emprazada nun concello de menos de 5.000 habitantes.
- Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.
- O prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, será igual ou inferior a 100.000 euros.
O IGVS leva destinado a esta liña de actuación un millón de euros (200.000 euros correspondentes á convocatoria de 2018 e 800.000 na actual, na de 2019 ), que se elevarán a case tres millóns ata o ano 2021, segundo as previsións que manexa.
Case 53 millóns de euros en axudas
A Xunta destinará en 2019 case 53 millóns de euros a subvencións para rehabilitación e acceso á vivenda, a través de 16 liñas de axudas destinadas a particulares, comunidades de propietarios, concellos e promotores.
As axudas para adquisición de vivenda son as segundas que se convocan, despois de que onte o DOG publicase a convocatoria das axudas do Bono de Alugueiro Social, destinadas a facilitar o pago do alugueiro a colectivos desfavorecidos, cunha dotación de 3,88 millóns de euros.
A comezos do próximo mes de febreiro publicaranse outras catro convocatorias de axudas para rehabilitación e o resto sairán á luz ao longo do primeiro semestre do ano.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.