A Xunta convida a compañías e agrupacións empresariais a participar no desenvolvemento de nova tecnoloxía feita en Galicia

O director do Igape, Juan Cividanes, informou hoxe en Santiago nun encontro empresarial da nova convocatoria para que envíen propostas de desenvolvemento de solucións de cara á posta en marcha do programa piloto Maquinaria 4.0
Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta convida a compañías e agrupacións empresariais a participar no desenvolvemento de nova tecnoloxía feita en Galicia

O director do Igape, Juan Cividanes, participou esta mañá en Santiago de Compostela nun encontro empresarial no que compañías e agrupacións empresariais coñeceron con detalle a invitación que vén de abrir a Consellería de Economía, Emprego e Industria para que envíen propostas de desenvolvemento de solucións industriais baseadas en máquinas e bens de equipo, de cara á posta en marcha do programa piloto Maquinaria 4.0

Como vén de recoller o Diario Oficial de Galicia, o prazo de presentación de propostas finaliza o próximo 22 de outubro. Empresas de todos os tamaños e agrupacións empresariais poden achegar proxectos e manifestar o seu interese en que o sector galego de fabricantes de maquinaria e bens de equipo desenvolva determinadas liñas de produto que sirvan nos seus procesos industriais.

Na xornada, Cividanes resaltou que estas manifestacións de interese servirán para perfilar o futuro programa Maquinaria 4.0, que terá como obxectivo incentivar aos fabricantes de maquinaria a desenvolver produtos que dean resposta a necesidades concretas, reforzar a estandarización no sector e facilitar a compra local, nacional e internacional de tecnoloxía feita en Galicia.

Lembrou que o programa se porá en marcha ao abeiro da nova folla de ruta trazada pola Xunta na Axenda Industria 4.0 que, ademais do reforzo dos programas xa en funcionamento, inclúe novas iniciativas de actuación para o desenvolvemento de servizos, solucións, ferramentas de colaboración e financiamento 4.0, co fin último de impulsar o desenvolvemento tecnolóxico e a dixitalización das pemes galegas.