A Xunta convoca 35 prazas de intercambio xuvenil con Xapón e Italia

Resérvanse 15 prazas para a rexión xaponesa de Wakayama e 20 para a cidade italiana de Venecia
Publicado por o día 28/01/2019 na sección de Educación

A Xunta convoca 35 prazas de intercambio xuvenil con Xapón e Italia

A Xunta de Galicia convoca 35 prazas para dous intercambios xuvenís na localidade de Wakayama, no Xapón, e en Venecia, Italia, no marco do programa A Xuventude no Mundo impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ao abeiro das relacións bilaterais que mantén con distintas entidades noutros países. O obxectivo é facilitar o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas, así como favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais.

Os destinatarios son mozas e mozos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e os 30 no momento de realizarse o intercambio e que non participaran nas últimos tres anos (2016-2018) no programa. O intercambio cubre o aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple, o transporte no ámbito do intercambio e as actividades organizadas pola entidade de acollida. Pola súa banda, a persoa participante farase cargo dos gastos de desprazamento ata o lugar do intercambio, así como do seguro de viaxe, accidente e enfermidade.

Desde a xornada de hoxe e ata o vindeiro 4 de febreiro está aberto o prazo de inscrición. Os interesados deben enviar o formulario electrónico dispoñible no portal web de Xuventude. A admisión será por rigoroso orde de inscrición, ata cubrir a totalidade de prazas convocadas para cada intercambio: 15 para o de Wakayama e outras 20 para a prorposta de Venecia.

Patrimonio da Humanidade

As dúas cidades escollidas para esta experiencia teñen o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade. O intercambio na de Wakayama ten por lenda ‘O Camiño Kumano Kodo’ e realizarase do 19 ao 26 de agosto deste ano. As actividades previstas son percorrer un tramo da ruta Kumano Kodo, visitar lugares tradicionais da cultura xaponesa, encontros con mozos e mozas nipóns e aloxamento durante catro días con familias do lugar.

A irmandade entre Galicia e a rexión de Wakayama aprobouse en 1998 e, desde entón, foron varios os programas conxuntos que desenvolveron, sobre todo centrados no turismo e na cultura. Esta será a 17ª experiencia de intercambio xuvenil entre a Xunta e a Prefectura de Wakayama, sumando un total de 275 participantes.

Pola súa banda, o intercambio de Venecia terá lugar do 2 ao 9 de setembro de 2019. As persoas participantes visitarán a Basílica e a praza de San Marcos, o Pazo Ducal, as illas de Murano e Burano, o Teatro La Fenice e o Museo de Historia Natural. Tamén realizarán encontros con mocidade veneciana e unha cea intercultural.

Con Venecia, este programa xuvenil comezou o ano pasado. Este será o terceiro intercambio entre a Xunta e a entidade Polo Técnico Profesionais I.S.S de Venecia, que suma ata o día de hoxe 60 participantes.

A Xunta aposta por facilitar experiencias no estranxeiro á mocidade galega coa fin de mellorar as súas habilidades, as súas competencias lingüísticas e os seus coñecementos sobre outros estilos de vida e culturas. Esta aprendizaxe e implicación activa serviralles para a súa vida persoal pero tamén para mellorar a súa empregabilidade.