A Xunta convoca novas probas de acreditación dos Celga 2 e 4, previstas para novembro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica hoxe no DOG a segunda convocatoria do ano, que se realizará en Santiago e Ponferrada
Publicado por o día 12/09/2019 na sección de Educación,Formación

A Xunta convoca novas probas de acreditación dos Celga 2 e 4, previstas para novembro

A Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca novas probas de acreditación do Celga nos seus niveis 2 e 4, que prevé realizar en Santiago de Compostela e en Ponferrada na segunda quincena de novembro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga 2 e 4. O departamento da Consellería de Cultura e Turismo fará públicas as datas concretas nas vindeiras semanas, en función do número de aspirantes que se inscriban nas devanditas probas.

A convocatoria extraordinaria é a segunda do ano 2019 e toda a información está dispoñible no Portal da Lingua Galega e na Sede Electrónica da Xunta.

Sistema Celga

O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o seu coñecemento en cinco niveis. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.

O Celga proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en toda Europa e confígurase en distintos niveis de coñecemento. Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación (aqueles aspectos relacionados coas funcións comunicativas) e lingua e sistema (os vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais).