A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convoca o 15 de abril os titulares dos terreos afectados polas obras de mellora de seguridade na estrada PO-552, no Concello de Vigo, para o levantamento de actas previas.
Os propietarios das fincas deberán acudir o citado día ao Concello de Vigo, entre as 9.30 e as 13.00 horas. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://goo.gl/uzAGDA
Esta intervención, cun orzamento de máis dun millón de euros, ten por obxecto mellorar a seguridade viaria nun treito de 4,5 km da estrada autonómica PO-552, entre a intersección coas estradas de Matamá e Muíños e á entrada de San Miguel de Oia, no municipio olívico.
As obras previstas comprenden a transformación da intersección coas estradas a Matamá e Muíños, situada no punto quilométrico 1+100 da marxe dereita, executando unha glorieta. Tamén se converterá noutra rotonda a intersección co camiño de Romeu, situada no punto quilométrico 1+780,que comunica coa PO-325.
As tarefas inclúen a reordenación da intersección de baixada á Gándara, no punto quilométrico 2+100, na que se restrinxirán os xiros, que poderán realizarse na nova glorieta do punto quilométrico 1+770 e na existente no 2+300.
Tamén se executará unha nova glorieta no punto quilométrico 3+060, que permitirá restrinxir o de entrada á rúa Manuel Lago, e outra no punto quilométrico 5+100 para moderar a velocidade e facilitar os cambios de sentido en condicións de seguridade.
Intervirase en pequenos tramos de beirarrúas, complementarios á mellora das interseccións, reforzarase a sinalización dos pasos de peóns do tramo, e limitarase o aparcadoiro nos 10 m anteriores para facilitar a súa percepción, e melloraranse as paradas de autobús.
Esta iniciativa está enmarcada na estratexia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para ter eliminados en 2020 todos os treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.