A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas do programa Iniciativa Xove coas que se busca que os mozos e mozas poidan seguir participando e poñendo en marcha proxectos de interese organizados ben por entidades xuvenís ou ben eles mesmos, nos que sexan os auténticos protagonistas.
A convocatoria do programa de participación xuvenil Iniciativa Xove deste exercicio está dotada con 387.955,54 euros. Os proxectos que se poden subvencionar a través desta liña de axudas deben ter como límite 5.000 euros de gasto, financiándose o cen por cen do orzamento e con anticipos de pagamento do 80% para garantir a execución do proxecto.
Desde a súa posta en marcha no ano 2010, Iniciativa Xove facilitou un total de 1250 proxectos promovidos por entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas, o que supuxo un investimento de 4,7 millóns de euros. Os mozos e mozas beneficiados directamente como promotores dos proxectos neste período de tempo foron 6250.
Os grupos informais de mozos e mozas e as asociacións teñen un mes de prazo para presentar as súas propostas, o que poden facer por vía electrónica.
Como áreas prioritarias de actuación se establecen os proxectos relacionados co emprendemento e a empregabilidade (Iniciativa Xove Emprendedora); a promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas, así como a sensibilización contra calquera forma de discriminación; a dinamización da información; a promoción de actitudes creativas e innovadoras; o fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade; o desenvolvemento e dinamización do medio rural; o fomento da participación e empoderamento das mulleres; conservación e posta en valor do medio ambiente e do patrimonio cultural e natural; creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías; e a dinamización da lingua galega.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.