A Xunta de Galicia destina preto de 1,2M€ para impulsar actividades vencelladas ao sector da libro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para cinco subvencións vinculadas ás bibliotecas, ao libro galego e ao fomento da lectura
Publicado por o día 10/02/2020 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia destina preto de 1,2M€ para impulsar actividades vencelladas ao sector da libro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases de cinco subvencións vencelladas ao sector do libro e ao fomento da lectura que, en conxunto, supoñen unha achega por parte da xunta de Galicia de preto de 1,2 millóns de euros. Concretamente, publícanse os detalles das axudas para a tradución e edición do libro galego, das subvencións para fomentar a participación de escritores, ilustradores e tradutores nas actividades que se realicen no sector do libro durante este ano e do apoio do Goberno autonómico ao programa Ler conta moito. Ademais, no eido das bibliotecas, publícanse tamén as bases reguladoras das bolsas de formación en biblioteconomía e as axudas para adquirir novidades editoriais e mellorar as coleccións bibliográficas.

O obxectivo das axudas ao libro galego é impulsar a produción editorial para apoiar o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego, así como a tradución ao galego de obras orixinariamente foron publicadas en outras linguas. Tamén se recolle nesta subvención, dotada con 200.000 euros, a edición dos libros traducidos. Cómpre destacar ademais que na valoración dos traballos presentados terase especialmente en conta que as obras traducidas pertenzan a xéneros literarios minoritarios como son a poesía, o teatro, o álbum ilustrado e a literatura infantil.

As contías das axudas cubrirán entre o 40% e o 60% do orzamento total previsto ata un máximo de 6.000 euros. Neste sentido, as obras que sexan traducidas desde outras linguas para o galego poderán acceder ata o 60% do orzamento, mentres que as obras traducidas desde a lingua galega para outras contarán co 40%.

Colaboración cos concellos

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, impulsa Ler conta moito, un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas que se desenvolve en colaboración coas entidades locais. Trátase dunha programación que ten como obxectivo contribuír a promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir.

Ademais, o desenvolvemento destas actividades de dinamización no ámbito da biblioteca permiten reforzar o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alentan a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que as propias bibliotecas proporcionan.

Nesta liña, e co obxectivo de incentivar o desenvolvemento destas actividades, a Xunta de Galicia publica hoxe no DOG as bases da subvención, dotada con case 200.000 euros, a entidades locais de Galicia para que programen un mínimo de dúas actividades do catálogo Ler conta moito 2020. Así, ao abeiro destas axudas, cada concello poderá recibir unha achega que cubra ata o 75% dos gastos.

Ademais do compromiso coa dinamización da lectura, a Xunta tamén impulsa a promoción da cultura galega e a apertura de novos escaparates a través das axudas para que escritores, ilustradores e tradutores galegos poidan participar nas actividades que se realicen dentro do sector do libro ao longo deste ano. Trátase dunha subvención dotada con 30.000 euros que permite apoiar a presenza dos profesionais galegos en feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas fóra da Comunidade galega.

Concretamente, estas axudas cubrirán os gastos de viaxe e o importe depende do ámbito xeográfico de destino de xeito que os profesionais que asistan a eventos que teñan lugar en España, agás en Galicia, poderán recibir ata 250 euros, mentres que as citas na Unión Europea contan cunha axuda de 600 euros e os de fóra da Unión Europea ata 1500 euros.

Formación e melloras de fondos

A Consellería de Cultura e Turismo, consciente de que un dos elementos fundamentais no funcionamento das bibliotecas é a cualificación e formación técnica do persoal, pon en marcha as bolsas de formación en biblioteconomía que permitirá formar futuros profesionais no ámbito da Rede de bibliotecas de Galicia. Esta formación, á que poderán acceder 33 e persoas grazas a unha achega de preto de 215.000 euros, levarase a cabo nas bibliotecas de Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol.

Ademais, as bibliotecas tamén poderán adquirir novidades editoriais en galego e en formato físico e mellorar as coleccións bibliográficas grazas a subvención dotada con 550.000 euros que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia. Trátase de dúas liñas de axuda dirixidas ás bibliotecas ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal cuxa contía dependerá das cifras de poboación.

Prazos de presentación

En todos os casos o prazo de presentación será dun mes, agás no caso das subvencións para escritores, ilustradores e tradutores que contarán ata o 15 de outubro de 2020 para solicitar a axuda para participar en eventos do sector do libro que se leven a cabo fora da Comunidade galega.