A Xunta de Galicia organiza un novo curso de xestión e dirección de proxectos de participación xuvenil

Está dirixido a persoal que traballa no eido da xuventude e do voluntariado, a coordinadores de programas neste campo, membros de entidades xuvenís e de acción voluntaria, a estudantes de ciclos de animación sociocultural e turismo e a mozos e mozas interesados
Publicado por o día 26/09/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia organiza un novo curso de xestión e dirección de proxectos de participación xuvenil

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, convoca a cuarta edición do curso ‘Xestión e dirección de proxectos de participación xuvenil: aprende participando, decide aprendendo’. O obxectivo é ofrecer un apoio na mellora das habilidades e competencias de planificación, redacción e xestión de proxectos de participación xuvenil por parte dos distintos axentes implicados en proxectos de educación non formal e voluntariado.

Esta iniciativa formativa ten como destinatarios a persoal que traballa no eido da xuventude e do voluntariado, persoas coordinadoras de programas neste campo, membros de entidades xuvenís e de acción voluntaria, alumnado de ciclos de animación sociocultural e turismo e mozos e mozas en xeral interesados, residentes en Galicia.

O curso desenvolverase nas cidades de Ferrol, Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra e Santiago ao longo dos meses de outubro e novembro, cun total de 105 prazas convocadas, 15 por localidade. Así, en horario de tarde, do 15 ao 18 de outubro, desenvolverase nas cidades de Ferrol e Vigo; do 22 ao 25 de outubro, na Coruña e Ourense; do 5 ao 8 de novembro, en Lugo e Pontevedra; e en Santiago será en horario intensivo de mañá e tarde do 9 ao 11 de novembro.

A actividade formativa terá unha duración de 50 horas, das que 20 serán teóricas con clases presenciais e 30 serán prácticas nas que as persoas participantes redactarán un proxecto de participación xuvenil no ámbito da educación non formal. O curso estruturarase en catro módulos: introdución á estruturación, deseño e xestión de proxectos de participación; deseño e elaboración dun proxecto de participación xuvenil; execución, avaliación e xustificación de proxectos; e formación en aptitudes e habilidades transversais.

O prazo de inscrición estará aberto ata as 15.00 horas do 5 de outubro. Toda a información e o formulario de inscrición están dispoñible no portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.