A Xunta destina 1 millón de euros a axudas para obras de rehabilitación e mellora de vivendas de promoción pública

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para optar ás axudas a comunidades de propietarios de vivendas de titularidade autonómica e a súa convocatoria correspondente a 2018
Publicado por o día 20/03/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta destina 1 millón de euros a axudas para obras de rehabilitación e mellora de vivendas de promoción pública

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda destinará un millón de euros a subvencións a comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública para reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas promovidas pola Xunta ou transferidas á comunidade autónoma, segundo recolle a Orde que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia, e que contén as bases reguladoras destas axudas e a convocatoria das mesmas para 2018.

Poderán beneficiarse das subvencións as comunidades de propietarios dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo departamento que dirixe Ethel Vázquez e dos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non recibisen outra axuda do Instituto Galego da Vivenda e Solo para realizar obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria.

Os edificios que opten ás axudas deberán cumprir unha serie de requisitos, que van desde que o edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural ou que non teñan iniciadas as obras das actuacións para as que van solicitar axuda no momento de presentar a solicitude.

Actuacións subvencionables

Serán consideradas actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación desta orde que comprendan todos ou algúns dos seguintes traballos: adecuación das condicións de seguridade, nellora de habitabilidade, funcionalidade ou accesibilidade. Todos os requisitos poden consultarse no DOG de hoxe: https://goo.gl/nnnSF7

Subvención e prazo de solicitudes

O orzamento subvencionable virá definido polo custo total das obras, que estará integrado polo prezo de execución destas, os honorarios facultativos, as licenzas e tributos satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións. A contía da subvención será de ata o 60% do orzamento e ata un máximo de 4.000 euros por vivenda.

As solicitudes poderán presentarse durante o prazo de dous meses a contar dende o día seguinte á publicación da Orde no Diario Oficial de Galicia, polo que dito prazo rematará o 20 de maio de 2018.