A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, e a Associaçom Galega da Língua (AGAL) lanzan nesta Semana das Letras Galegas os proxectos divulgativos da figura, vida, obra e traxectoria de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado pola Real Academia Galega (RAG) o vindeiro domingo 17 de maio, no marco do acordo de colaboración entre as dúas entidades. Así o deron a coñecer hoxe nun encontro dixital organizado pola AGAL, no que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, acompañados do presidente da AGAL, Eduardo S. Maragoto. O encontro dixital contou tamén coa participación do director de Ouvirmos, Xosé Aldea.
Ao abeiro desta colaboración ven a luz o web Carvalho Calero 2020, nas súas versións oficial adaptada á norma ILG-RAG e tamén á de AGAL; o avance do proxecto expositivo A voz presente, á espera de que as circunstancias motivadas pola Covid-19 permitan o arranque da itinerancia prevista en varios puntos de Galicia e en Portugal; as unidades didácticas dirixidas ao ensino primario e secundario coordinadas por Teresa Crisanta V. Pilhado e Eduardo Maragoto e diagramadas por Uxio Outeiro; as guías de lectura de Scórpio elaboradas por Susana Sanches Arins e Teresa Crisanta V. Pilhado; e materiais audiovisuais.
‘A voz presente’, avance en edición dixital
Ademais dos materiais didácticos, escolares e divulgativos de Carvalho Calero implementados no Portal da Lingua Galega e na campaña #aculturasegue, no que se poden consultar en aberto a biografía e obra do autor, fotografías e traxectoria, o web da Consellería de Cultura e Turismo ofrece un avance dos contidos, en formato dixital, que configuran o proxecto expositivo A voz presente. A mostra institucional conmemorativa das Letras Galegas 2020 está promovida pola AGAL en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, e comisariada polos profesores Carlos Quiroga e Xosé Luís Rodríguez e deseñada e producida por Ouvirmos S.L., cos obxectivos de difundir a dimensión artística, humana e lingüística de Ricardo Carvalho Calero e de poñer en valor e resituar a súa figura e o seu legado.
A exposición iniciará, ata decembro, a itinerancia en diferentes puntos de Galicia e no Concelho de Viana do Castelo (Portugal), coa colaboración do eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, en canto as restricións da Covid-19 o permitan e baixo dobre formato, amplo, con exhibición nos concellos de Ferrol e Santiago de Compostela, e reducido, con paradas en concellos da Rede de Dinamización Lingüística, bibliotecas nodais e Museu do Traje (Concelho de Viana do Castelo, Portugal). Os paneis expositivos e o folleto explicativo pódense descargar en www.lingua.gal/a-voz-presente.
Materiais didácticos para traballar a Carvalho desde o ensino
Tamén están dispoñibles nos mesmos webs as unidades didácticas deseñadas pola AGAL en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e coa Deputación da Coruña, coordinadas por Teresa Crisanta V. Pilhado e Eduardo Maragoto e diagramadas por Uxio Outeiro coa finalidade de divulgar a figura de Carvalho Calero entre a comunidade educativa, en especial entre o profesorado de galego e de portugués de todos os niveis do ensino público non universitario.
Baixo os títulos Á descuberta de Carvalho Calero, de Bernardo Penabade; Carvalho Calero e a literatura e Carvalho Calero e a lingua, ambas as dúas de Marisa Moredo Leirado, e Carvalho Calero para o ensino primario, de Laura García Diaz, faise un percorrido pola vida e a obra do autor, cunha detallada cronobiografía e diversas tarefas que teñen como obxectivo salientar o seu papel como estudoso da literatura galega, docente e lingüista. Nelas, préstaselle especial atención á sua magna Historia da literatura galega contemporánea, á propostas Gramática elemental del gallego común e ao modelo ortográfico reintegracionista que defendeu na derradeira etapa da súa vida, ademais de incluír unha serie de actividades lúdicas e interactivas en liña para o alumnado de educación infantil e primaria.
‘Scórpio’, a obra máis carismática
Os materiais didácticos inclúen dúas guías de lectura da novela Scórpio, a derradeira obra publicada en vida de Carvalho Calero, en 1987, e, asemade, a máis carismática do autor, asinadas por Susana Sanches Arins e Teresa Crisanta V. Pilhado. Para alén de apoiar estas iniciativas de divulgación social promovidas pola AGAL, a Consellería de Cultura e Turismo apoia a edición dos títulos conmemorativos do ferrolán impulsados polo seu selo editorial Através Editora Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de terra e Scórpio, así como o acto de lectura pública desta segunda obra, previsto para o 16 de maio mais adiado ata que a situación derivada pola pandemia permita celebralo en condicións óptimas de garantías sanitarias.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.