A Xunta e o comité de expertos económicos coinciden na urxencia de garantir o desenvolvemento dos proxectos tractores en tempo e forma, eliminando barreiras e dotándoos de maior axilidade

Abordaron a posibilidade de crear un mecanismo para impulsar os proxectos tractores a través da colaboración público-privada
Publicado por o día 23/01/2021 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta e o comité de expertos económicos coinciden na urxencia de garantir o desenvolvemento dos proxectos tractores en tempo e forma, eliminando barreiras e dotándoos de maior axilidade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse onte co comité de expertos económicos de Galicia para abordar a situación dos proxectos tractores para reactivar a economía tras a pandemia da covid-19. Durante a xuntanza, coincidiron na urxencia de garantir o desenvolvemento dos proxectos tractores en tempo e forma, eliminando barreiras e dotándoos de maior axilidade.

Nesa liña, o comité valorou a Lei de reactivación económica de Galicia como un instrumento absolutamente necesario para a axilización administrativa e o fomento da actividade económica privada. E incidiu no liderado da Xunta na consecución dun amplo consenso político, económico e social como respaldo imprescindible para o éxito da iniciativa.

Deste xeito, os expertos económicos valoran como unha decisión correcta a estratexia de reforzamento do Igape e avogan por convertelo nun punto de conexión e coordinación dos proxectos detectados pola propia Administración ou presentados desde a iniciativa privada.

Durante a xuntanza tamén se abordou a posibilidade de poñer en marcha un mecanismo para impulsar os proxectos tractores a través da colaboración público-privada. Sería unha sociedade de carácter privado con participación pública relevante pero minoritaria; capaz de involucrar a socios privados de referencia e de interactuar con institucións públicas autonómicas, nacionais e europeas, así como con axentes económicos privados; e cumprindo cos requirimentos para que os diferentes proxectos tractores poidan constituírse como Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE).

En todo caso, a creación deste mecanismo non limitará a capacidade da Xunta para habilitar outros instrumentos de financiamento ou participación accionarial en proxectos tractores que se consideren esenciais para o tecido empresarial galego, con independencia de que teñan acceso ou non aos fondos europeos.

Entre as funcións que tería este novo instrumento estarían: validar a estratexia integrada no seu conxunto, e de cada un dos proxectos tractores; impulsar, no momento inicial, o desenvolvemento dos diferentes proxectos tractores garantindo unha visión integrada; garantir a xestión coordinada a curto prazo; dinamizar as accións para a captación de fondos; asegurar a xeración e captura de sinerxías; garantir a incorporación de mellores prácticas no desenvolvemento doutros proxectos estratéxicos de similares características en países europeos ou procurar a participación das iniciativas das pemes galegas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.