A Xunta facilita a tramitación das reclamacións dos gastos de hipoteca vinculados a cláusulas declaradas abusivas

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe na Estrada nun encontro informativo sobre a devolución dos gastos hipotecarios organizado pola Federación Galega de Euroconsumo
Publicado por o día 27/07/2020 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta facilita a tramitación das reclamacións dos gastos de hipoteca vinculados a cláusulas declaradas abusivas

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe na Estrada nun encontro informativo sobre a devolución dos gastos hipotecarios organizado pola Federación Galega Euroconsumo, unha xuntanza na que se avaliou a sentenza ditada o pasado 16 de xullo polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) no relativo aos gastos de hipoteca vinculados a cláusulas declaradas abusivas, que deberán ser reembolsados ás persoas consumidoras.

A directora xeral informou de que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pon a disposición da cidadanía un modelo de reclamación na súa web http://consumo.xunta.gal co obxectivo de facilitar a tramitación das reclamacións ante as distintas entidades bancarias.

O consumidor debe presentar o escrito de reclamación ante Servizo de Atención ao Cliente da entidade bancaria, que dispón dun prazo dun mes para contestar. Do contrario, débese presentar unha reclamación ao Banco de España, que dispón dun prazo de catro meses para ditar resolución. Unha vez que o Banco de España se pronuncie de forma favorable ao consumidor, este poderá requirir á entidade o seu cumprimento, que contará cun mes, en caso contrario, poderá reclamar o seu cumprimento ante o Instituto Galego do Consumo. En calquera caso, o afectado sempre poderá interpoñer a oportuna demanda xudicial.

Vázquez, así mesmo, destacou que o IGCC, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da súa web e das ferramentas que ten á súa disposición, informará tamén detalladamente ás persoas consumidoras sobre todo o que hai que saber con respecto aos trámites e gastos derivados dunha hipoteca e os seus gastos.