A Xunta habilita os espazos xoves para que todas as mozas e mozos galegos poidan solicitar de xeito presencial a Chave365

Poderase realizar nas doce instalacións autonómicas, así como no Centro Coordinador de Información Xuvenil e no Servizo de Xuventude e Voluntariado de Vigo
Publicado por o día 16/01/2021 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta habilita os espazos xoves para que todas as mozas e mozos galegos poidan solicitar de xeito presencial a Chave365

A Xunta vén de habilitar os espazos xoves autonómicos para que todas as mozas e mozos galegos poidan solicitar de xeito presencial a Chave365. Deste xeito, búscase facilitar á mocidade galega a xestión de solicitudes, axudas ou expedientes para os que se fai necesario este contrasinal.

En concreto, este trámite poderase realizar a partir de agora nos doce espazos xoves autonómicos, situados en: Betanzos, Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Lalín, Tui, Vilagarcía, Ourense, Chantada, Vilalba e Viveiro. Tamén se pode obter no Centro Coordinador de Información Xuvenil, en Santiago, ou no Servizo de Xuventude e Voluntariado de Vigo.

Cómpre lembrar que a Chave365 é o sistema que permite aos cidadáns maiores de idade e aos menores emancipados identificarse e asinar documentos na sede electrónica da Xunta sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico. Coa Chave365 a persoa usuaria identifícase co seu NIF e clave persoal e asina electronicamente cun código que recibe no seu teléfono móbil.