A Xunta impulsa a programación máis dixital polo Día das Letras Galegas para renderlle tributo a Carvalho Calero

Eventos virtuais, festivais e proxectos expositivos, audiovisuais, literarios, académicos e escolares enchen Internet para achegarlle á cidadanía a figura, obra e vida do autor homenaxeado este ano pola Real Academia Galega (RAG)
Publicado por o día 10/05/2020 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

A Xunta impulsa a programación máis dixital polo Día das Letras Galegas para renderlle tributo a Carvalho Calero

Galicia intensifica os seus recursos online para renderlle tributo a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano a Real Academia Galega (RAG) lle dedica o 17 de maio, que xa é o homenaxeado máis dixital de todos os que integran a nómina do Día Grande das Letras Galegas. O impacto derivado da Covid-19 propicia que as ferramentas e materiais conmemorativos deseñados pola Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración coas numerosas empresas, entidades e institucións que participan na Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020 impulsada pola Xunta de Galicia, moitos deles, reformulados e ao abeiro da campaña #aculturasegue, gañen espazo en Internet e nas redes sociais. O Portal da Lingua Galega ofrece en aberto para a súa consulta e descarga de balde numerosos materiais aos que irá sumando outros durante os vindeiros días.

Entre eles, atópase o web Carvalho Calero 2020, impulsado pola Agal en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística do Goberno galego, no que se ofrece cumprida información sobre a biografía e obra do autor, así como o acceso a recursos dixitais deseñados tamén no marco desta colaboración, como unidades didácticas para o ensino primario e secundario, ou referencias ás edicións bibliográficas conmemorativas, fotografías que ilustran a súa vida e traxectoria e descarga da imaxe icónica orixinal, especialmente deseñada para a celebración deste Ano Carvalho Calero 2020 que a entidade e a Xunta poñen a disposición de toda a cidadanía.

Desde este web e tamén desde o Portal da Lingua Galega poderanse ver e descargar desde a semana vindeira e en formato dixital os materiais –paneis e folleto– que configuran o proxecto expositivo A voz presente, promovido pola Agal en colaboración coa Xunta de Galicia e baixo xestión e produción de Ouvirmos, para difundir a dimensión artística, humana e lingüística de Ricardo Carvalho Calero e poñer en valor e resituar a súa figura e o seu legado. Unha exposición que iniciará, ata decembro, a itinerancia en diferentes puntos de Galicia e no Concelho de Viana do Castelo (Portugal) en canto as restricións da Covid-19 o permitan.

Outro web, carballocaleroenlugo.org, feito polo Colectivo Egeria en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e do Colexio Fingoi, homenaxea e divulga a figura do autor e a súa estadía na Cidade da Muralla entre 1950 e 1965 coa exposición Don Ricardo de Fingoi, desde agora tamén en formato dixital para superar as barreiras impostas pola Covid-19 ata poder continuar a súa itinerancia por diferentes espazos expositivos de Galicia. Tamén o portal institucional da RAG ofrece unha entrega diaria da serie Unha palabra para don Ricardo, un conxunto de minipezas audiovisuais arredor da figura de Carvalho Calero a través desta canle e das redes da institución, coa colaboración do Executivo autonómico, e que tamén serán difundidas pola CRTVG.

Para alén disto, o Portal da Lingua Galega loce xa desde febreiro unha das fotografías máis representativas do 2020, a de Carvalho Calero na compostelá Praza da Quintana, tirada por Moncho Rama. A ela hanse sumar estes días o xogo de seis caricaturas de Siro que Política Lingüística porá tamén a disposición de toda a cidadanía, a serie de seis vídeos de divulgación arredor da figura do ferrolán feitas por Xan Leira e Acuarela Comunicación e o novo libro Ricardo Carvalho Calero da colección As miñas primeiras Letras Galegas impulsada por Edicións Bolanda en colaboración coa Xunta.

Coincidindo co 17 de maio, o Foro Enrique Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE), en colaboración Política Lingüística, inundan de novo as redes co cancelo #etiquetadosengalego, lema da campaña Valoremos o noso. Con acento propio, dirixida tanto a empresariado como a consumidores e orientada a poñer en valor o produto etiquetado na nosa lingua e mais o seu consumo.

Certames, festivais e citas na rede

No marco da programación conmemorativa, os departamentos de Política Lingüística e Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta estrean o novo certame Lingua de rapear, para apoiar a creatividade e dinamizar a lingua nos usos e espazos de interese para a mocidade. Daranse a coñecer as bases e os premios nos vindeiros días.

Máis certames xa en marcha para conmemorar as letras, honrar a don Ricardo e dinamizar o galego son os que acaba de poñer en marca Feiraco coa colaboración da Consellería: IX Certame de Relatos Breves Feiraco, inspirados na frase Á sombra daquel carballo centenario… e I Certame Infantil de Artes Plásticas Feiraco 2020, destinado a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. As bases, prazos de participación e premios xa figuran nas redes sociais da cooperativa agrogandeira galega.

E os festivais tamén toman as redes para festexar a lingua galega e homenaxear a Carvalho desde o exterior, como o coñecido Festival Internacional Kerouac Poesía e Performance, que organiza un encontro dixital a través da plataforma Zoom que será retransmitido por Facebook e YouTube Live o mesmo 17 de maio, ás 18,00 horas. Presentado por Marcos de la Fuente, convida a artistas galegos e representantes do mundo da cultura en Estados Unidos a sumarse á celebración das Letras Galegas.

‘Vai de Letras’

A Consellería do Mar, pola súa banda, realizará dentro da campaña Vai de Peixe, de promoción do consumo de produtos do mar entre os millennials galegos, un concurso de relatos curtos en galego baixo o nome de Vai de Letras. Esta acción está dirixida ás mozas e mozos de entre 18 e 35 residentes en Galicia e para participar nela deberán completar este texto de inicio -“Queremos a vida como queremos o peixe, sen espiñas, pero…”- cunha proposta de non máis de 150 palabras, a maiores do texto de inicio, ao que poderán acceder a través das redes sociais e da web de Vai de Peixe.

Os relatos deberán estar escritos en lingua galega e xirar arredor da temática desta campaña. O prazo de participación comezará ás 13,00 horas do vindeiro 13 de maio e rematará o día 28. Na selección do gañador valorarase a orixinalidade, calidade lingüística e de redacción e a aproximación á temática. A persoa premiada recibirá un lote de libros e un teléfono móbil intelixente. Todos os detalles do concurso poden consultarse nas bases legais de Vai de Letras, no web https://vaidepeixe.xunta.gal.

Recursos, ferramentas e divulgación desde o ámbito educativo

Os centros educativos atopan un ano máis en lingua.gal os recursos elaborados polo profesorado dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, que, desta volta, permitirán traballar desde a casa a figura de Carvalho Calero en todos os niveis educativos preuniversitarios, sen esquecer o alumnado con necesidades específicas. Xa están dispoñibles as dúas mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2020, que ofrecen cadanseus 10 carteis explicativos da vida e da obra do autor acompañados de unidades didácticas. A estas únense as unidades elaboradas desde Escolas Católicas; as actividades, tanto imprimibles como interactivas, do Seminario Galán; os materiais audiovisuais, como videopoemas, pequenos documentais feitos polo alumnado e ata o xa clásico telexornal do CPI dos Dices, con entrevistas a expertos e persoas próximas a don Ricardo; xogos de taboleiro, pasapalabras e mesmo salas de escape para aprender xogando; e tamén concursos, como o II Certame de podcasts Xosé Mosquera Pérez ou o de marcapáxinas do IES San Clemente.

Tamén o espazo universitario internacional LiberQuaré, Familias Mundi e a Fundación polo Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (FUNDHESGA), co apoio de Política Lingüística, organizan o evento Cápsulas Solidarias Xa abriu o día. Letras Galegas no Ano Carvalho Calero. Trátase da emisión seis vídeos nos que se convida á lectura de obras literarias galegas e se divulga o coñecemento do autor a quen este ano se lle dedica o 17 de maio. As emisións levaranse a cabo entre o 11 e o 16 de maio, en horario de 12,30 a 12,45 horas, a través da páxina de Facebook de LiberQuaré.

A Letras celébrase no exterior

Polo que se refire aos centros de estudos galegos (CEG) que a Xunta de Galicia sostén en universidades de tres continentes, algunhas das actividades que tiñan programadas para celebrar as Letras Galegas 2020 serán adiadas ata outubro, nas mesmas datas elixidas pola RAG para a celebración da festa da lingua por excelencia neste ano marcado pola pandemia. Con todo, son varios os CEG que optaron por trasladar a celebración de maio a Internet programando videoconferencias sobre Carvalho Calero a través de distintas plataformas -como sucede en Zúrich ou Deusto-, exposicións virtuais acerca da súa vida e obra -no Algarve, Barcelona…- ou mesmo unha sala de escape en liña centrada na muller na literatura galega (Zadar). No Portal da Lingua Galega tamén se pode ler xa un número especial da revista de poesía en Madrid Olga, impulsada polo CEG da Universidade Complutense, dedicado a don Ricardo.

Maio e outubro, meses das Letras Galegas 2020

Deste xeito, debido ás restricións derivadas da Covid-19, boa parte das iniciativas previstas no marco da Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020 presentada no mes de febreiro adquiren dimensión virtual para celebrar o 17 de maio desde Internet. Con todo, moitas outras citas adíanse ata o mes de outubro, de acordo coa decisión da RAG de fixar os actos previstos para o 31 dese mes, o que propiciará que o ano 2020 conte, excepcionalmente, con dous meses nos que celebrar as Letras.