A Xunta de Galicia intensifica o proceso necesario para a reapertura progresiva dos centros da súa titularidade e daqueles que xestiona no ámbito dos museos e bibliotecas. Neste sentido, desde o día de hoxe, no que Galicia entra na fase 1 do Plan para a transición cara unha nova normalidade, co obxectivo de determinar as actuación necesarias para a súa posta en marcha, cada centro directivo realizará unha análise das medidas establecidas polo Goberno central a través da Orde SND/399/2020, que foi publicada o pasado sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE).
Unha vez rematadas estas actuacións preliminares, que terán unha duración mínima dunha semana, e cumpridas as medidas preventivas contidas en dita orde, acordarase a apertura progresiva dos equipamentos en varias fases e a reincorporación efectiva do persoal, seguindo o Protocolo polo que se establece a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención aprobado no Consello da Xunta.
No caso dos Arquivos xestionados pola Xunta, a atención é telemática desde o pasado 4 de maio, agás nos supostos nos que sexa absolutamente imprescindible a atención presencial, en cuxo caso se limita a 10 documentos ou unidades de instalación física por xornada de traballo. As condicións de apertura dos arquivos foi fixada previamente polo Ministerio de Sanidad a través da Orde SND/388/2020 publicada o pasado domingo 3 de maio.
Atención e recursos online
Cómpre lembrar que, durante estas semanas de confinamento, a Xunta de Galicia impulsou as potencialidades de GaliciaLe, a plataforma de préstamo electrónico, cuxo uso se está a disparar neste período. De feito, só nas primeiras semanas incrementou notablemente o seu número de usuarios e quintuplicou o número de préstamos. Este sistema, que permite acceder a máis de 4.500 títulos, entre libros, revistas ou audiovisuais, seguirá activo ao tempo que as bibliotecas retomen progresivamente a súa actividade e servizos presenciais.
Igualmente, os museos continuaron abertos en visitas virtuais a través do microsite Galicia, na túa casa, que permite percorrer monumentos e espazos expositivos. Durante o estado de alarma, máis de 13.000 persoas accederon a esta opción, á que tamén se sumou a Cidade da Cultura a través da dixitalización da exposición Galicia, un relato no mundo.
Un total de 23 centros en toda Galicia
Os centros de titularidade da Xunta ou de xestión autonómica no ámbito dos arquivos, museos e bibliotecas son un total de 23 dotacións repartidas por toda Galicia. No caso dos arquivos trátase do Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña; o Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, e os Arquivos Históricos Provinciais de Ourense, Pontevedra e Lugo.
Dentro do ámbito dos museos, o Goberno autonómico xestiona os seguintes: Museo de Belas Artes da Coruña, Museo das Peregrinacións e de Santiago, Museo Massó de Bueu, Museo Arqueolóxico de Ourense, Museo do Castro de Viladonga, Museo Etnolóxico de Ribadavia, Museo do Mar de Galicia, en Vigo; a Casa Museo Camilo José Cela, o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
No ámbito das bibliotecas os centros de xestión autonómica son a Biblioteca de Galicia, no Gaiás; a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña, a Biblioteca de Lugo, a Biblioteca de Ourense, a Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra, a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela e a Biblioteca Juan Compañel de Vigo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.