A Xunta licita a nova ampliación de Ifevi que permitirá incrementar a súa competitividade e consolidar os seus eventos

O prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas, que se acurta a 26 días tras a publicación do anuncio previo de licitación realizado no mes de marzo, rematará o vindeiro 1 de febreiro
Publicado por o día 05/01/2021 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta licita a nova ampliación de Ifevi que permitirá incrementar a súa competitividade e consolidar os seus eventos

O Goberno galego vén de publicar na Plataforma de Contratos da Xunta de Galicia, onde se pode consultar, a licitación do contrato para a execución da obra da nova ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) en máis de 5.000 m2, cun orzamento de 7,27 millóns de euros. En total, está previsto que a Administración autonómica invista 7,65 millóns de euros nesta actuación, incluíndo, ademais da obra obxecto de licitación, os contratos de servizo complementarios.

O obxectivo desta iniciativa, coa que a Xunta amosa, unha vez máis, o seu compromiso coa cidade de Vigo e co recinto feiral, é incrementar a competitividade das instalacións e consolidar a celebración de eventos de referencia a nivel europeo e internacional como Conxemar, Navalia e Mindtech.

O prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas rematará o 1 de febreiro, xa que a Xunta publicou en marzo un anuncio previo de licitación co obxectivo de acurtar os prazos administrativos de 35 a 26 días.

As obras, que se realizarán mediante un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Axencia Galega de Infraestruturas, consisten na ampliación da zona traseira do pavillón 3. Prevese unha nova superficie construída de 6.572,80 m2, dos que 5.536,05 m2 se corresponden coa ampliación e 1.036,75 m2 coa reforma do edificio existente.

A tramitación do proxecto, aprobado o pasado 26 de novembro polo Consello da Xunta, realizouse mediante o procedemento recollido na Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, unha vez recompilados os informes favorables tanto do Concello de Vigo como dos diferentes órganos sectoriais
–tras oito meses de espera, o Estado entregou os últimos informes pendentes en outubro–. O pasado 18 de decembro o Concello de Vigo certificou a dispoñibilidade dos terreos, un requisito previo indispensable para poder, a continuación, licitar as obras. O pasado 29 de decembro o Consello da Xunta autorizou a contratación das obras.

Esta ampliación súmase á xa realizada en 2018, na que a Administración autonómica investiu máis de 4 millóns de euros. En total, desde 2005 a Xunta de Galicia leva investidos neste recinto feiral de referencia máis de 15 millóns de euros, aos que se suma agora o investimento para este novo proxecto.