O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe na Biblioteca Pública Anxel Casal o programa de actividades que conmemorarán o Día da Ilustración o vindeiro 30 de xaneiro nas Bibliotecas Públicas e nas Escolas de Arte de Galicia.
A cita, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), ten como obxectivo lembrar e reivindicar o papel de todos os profesionais da ilustración e ademais, homenaxea a un autor histórico galego. Este ano, o Día da Ilustración está dedicado ao ilustrador e escritor Cándido Fernández Mazas (Ourense, 1902- Castro Caldelas, 1942). Así o 30 de xaneiro inaugurarase a exposición Signos dunha quimera na Biblioteca de Galicia que permanecerá aberta ao público ata o mes de maio. Nese mesmo emprazamento o 25 de xaneiro ás 17,00 h. terá lugar un obradoiro de ilustración a cargo de Xulia Pisón, autora do cartel da programación do Día da Ilustración.
No marco desta celebración, a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago ofrece aos seus visitantes unha mostra sobre a ilustración galega ata o 31 de xaneiro, e o día 30 ás 18,30 h. desenvolverase un obradoiro de introdución á banda deseñada para nenos con Jorge Campos.
Na Coruña, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés, mantén aberta a mostra Ilustradores de libros de animais do mar ata o 31 de xaneiro, e o 1 de febreiro ás 12,00 h. albergará o taller As imaxes contan a partir das 12,00 h. Así mesmo a Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, acollerá un encontro co ilustrador Jesús Cisneros o 29 de xaneiro ás 19,15 h., quen tamén impartirá o obradoiro de máscaras o 30 de xaneiro ás 16,00 h.
En Ourense, a Biblioteca Pública conta cunha exposición sobre Grandes ilustradores ata o 31 de xaneiro. O día 30 levarase a cabo un obradoiro de ilustración ás 18,00 h. con Filantropina e, posteriormente, ás 19,00 h. terá lugar un encontro co ilustrador Pablo Otero. Pola súa banda, a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde, ofrecerá un percorrido pola vida e obra de Cándido Fernández Mazas a cargo de José Manuel Bouzas o 29 de xaneiro ás 12,00 h.
A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra contará cun contacontos ilustrado o 31 de xaneiro ás 18,00 h. e, ata o 10 de febreiro, mantén aberta unha exposición sobre o homenaxeado deste ano.
Vigo, a través da Biblioteca Pública Juan Compañel, contará co obradoiro Mundos ilustrados con Aurora López o 30 de xaneiro ás 18,30 h; cun taller de cómic a cargo de María Vilar Costas o día 25 ás 12,00 h.; e cunha charla coloquio sobre os Primeiros pasos no mundo da ilustración impartida por Laura Núñez o 1 de febreiro ás 12,30 h. Así mesmo, ao longo deste mes e ata o 15 de febreiro os nenos que visiten a biblioteca poderán visitar a mostra Elas pintan moito: 10 ilustradoras galegas.
Por último, a Biblioteca Pública de Lugo ofrecerá o día 31 de xaneiro o obradoiro Laboratorio zoo-ilóxico da man de María Lires ás 18,00 h.
Toda a información sobre o Día da Ilustración e a súa programación pode consultarse na páxina web https://www.diadailustracion.gal/.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.