A Xunta, por medio dos responsables da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e da Secretaría Xeral da Emigración, presentou hoxe o novo curso en liña preparatorio do nivel 3 do certificado de acreditación da lingua galega (Celga), un proxecto que se suma aos dous niveis xa existentes da formación en lingua galega desde a modalidade en liña e que supón un paso máis no seu acceso por parte da cidadanía, tanto a da Galicia territorial como a da colectividade galega no exterior.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou “que a Xunta estrea nesta convocatoria de formación o Celga 3 en liña, do que se desenvolverán sete cursos con 30 prazas cada un, no marco do Plan de formación en lingua galega da Xunta, que chegará este ano a máis de 7000 persoas” e avanzou que “deseguido se iniciarán os traballos para incorporar á vindeira oferta de teleformación o nivel 2, que completará a formación en liña do sistema de acreditación oficial da lingua galega e posibilitará o acceso aos catro niveis de aprendizaxe que o configuran desde calquera parte do mundo”.
Pola súa banda, Mar Pereira sinalou que un ano despois da posta en marcha da plataforma de teleformación da lingua galega, “ampliamos a oferta formativa con este novo curso preparatorio para acceder a acreditación do Celga 3”, unha iniciativa enmarcada na política autonómica de impulsar a formación en liña. A directora da Amtega lembrou outras medias para favorecer a difusión da lingua como lingua.gal, o portal da lingua desde o que se accede a esta plataforma de teleformación e que ofrece diferentes recursos para aprender e traballar en galego; o tradutor Gaio ou a consecución do dominio .gal.
Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, puxo o foco na importancia que esta nova proposta de Política Lingüística ten para “os milleiros de galegos que residindo no exterior estean pensando en retornar a Galicia, ou para aqueles que xa o fixeron e que verán así equiparado o seu nivel de galego ao de todos aqueles que cursaron xa estudos na Galicia territorial”. “Trátase dun paso máis cara súa a integración total na súa terra de orixe, tamén no eido lingüístico”, engadiu.
O prazo de incriscrición da formación preparatoria para as probas de acreditación do Celga está aberto ata o vindeiro 20 de xuño e xestiónase desde o Portal da Lingua Galega www.lingua.gal ou desde a sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.
Celga 3 en liña
O curso Celga 3 en liña que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha por primeira vez en 2019 vénse sumar aos cursos a distancia preparatorios para as probas de nivel Celga 1 e Celga 4 xa existentes, co fin de facilitar o acceso á formación en lingua galega da poboación adulta sexa cal for o lugar onde viva e a ocupación e horario que teña. Os obxectivos e contidos do curso Celga 3 en liña correspóndense cos do nivel B2 do Marco europeo común de referencia para as linguas. Para alcanzar este nivel, o curso emprega textos, vídeos e audios en diferentes tipos de actividades prácticas, de acordo coa pedagoxía construtivista social que o guía e que implica a colaboración, o papel activo do discente e a reflexión crítica. Así, través dunha interface de navegación sinxela, lixeira, eficiente e intuitiva, o alumnado accede a unha das 8 unides do curso, cada unha delas dividida en catro bloques: comprender, explorar e reflectir, practicar e comunicar e viaxar. Neles, o alumnado atopará actividades tipo consulta, tarefa, diálogo, chat, foro, glosario, wiki, cuestionario ou reunión, entre outras posibilidades. As unidades organízanse arredor dunha tarefa principal e son 8.
As persoas que desexen participar nun destes cursos de teleformación deben dispoñer dun equipamento informático composto por un ordenador con conexión a Internet, dunha conta de correo electrónico (que deberá coincidir coa sinalada na solicitude de participación) e mais dun micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz. Toda a información en http://www.lingua.gal/curso-celga-3-lina.
Sistema Celga
Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas e está configurado mediante cinco niveis de coñecemento do idioma, que recollen as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas.
Estes certificados permiten acreditar o coñecemento que unha persoa ten do galego para os efectos de xustificar méritos ou requisitos laborais e académicos, e obtéñense mediante un exame convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, aínda que tamén é posible obter a validación Celga dos estudos previos de galego.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.