A Xunta publica a orde de axudas para a posta a disposición dos concellos dun total de 35 unidades de atención temperá

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe estas subvencións, que incrementan nun 50% o seu orzamento ata chegar aos 3 millóns de euros
Publicado por o día 26/01/2021 na sección de Educación,Xunta de Galicia

A Xunta publica a orde de axudas para a posta a disposición dos concellos dun total de 35 unidades de atención temperá

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas para a posta a disposición dos concellos galegos dun total de 35 unidades de atención temperá. A este fin o Goberno galego destinará 3 millóns de euros, o que supón un incremento do 50% respecto dos fondos reservados nestes momentos para a Rede Galega de Atención Temperá.

Este aumento do orzamento permitirá lograr dous obxectivos: por unha banda, consolidar as 27 unidades de atención temperá que xa existen e que actualmente atenden a máis de 1.300 nenos e, por outra, financiar que os concellos poñan en marcha ata oito novas unidades. Para iso, esta nova orde incrementa entre un 1,5% e un 3% os fondos que a Xunta destina a cada unha destas unidades.

O Goberno galego ampliou e reforzou a Rede Galega de Atención Temperá durante os últimos dez anos ata multiplicar por oito a súa extensión. En concreto, pasou de haber 15 concellos que dispoñían deste servizo no ano 2009 aos 117 municipios que se beneficiaban del en 2020. Ademais destas unidades de atención temperá de titularidade municipal, Galicia dispón de recursos con esta mesma finalidade en hospitais públicos e de tres unidades máis nas comarcas do Deza, O Salnés e Bergantiños que xestiona a Asociación Galega de Atención Temperá coa colaboración económica da Xunta.