A Xunta publica no DOG a encomenda á empresa pública Seaga dos traballos de restauración do bosque de ribeira no río Umia ao seu paso polo Concello da Estrada

Augas de Galicia xa comezou este mes as xestións previas para a disposición temporal dos terreos na zona de actuación do río, que vai desde o límite con Cuntis e, seguindo augas arriba, ata que o río se atopa entre A Estrada e Forcarei
Publicado por o día 18/08/2020 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

A Xunta publica no DOG a encomenda á empresa pública Seaga dos traballos de restauración do bosque de ribeira no río Umia ao seu paso polo Concello da Estrada

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a encomenda á empresa pública Seaga dos traballos de restauración do bosque de ribeira no río Umia, ao seu paso polo Concello da Estrada, que contarán cun investimento de case 220.000 euros.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/3ay3lQE

Augas de Galicia xa comezou este mes o proceso de participación social, que inclúe a disposición temporal dos terreos na zona de actuación.

O tramo obxecto das obras vai desde o límite entre A Estrada e Cuntis e, seguindo augas arriba, ata que o río se atopa no límite entre os municipios da Estrada e Forcarei.

Os obxectivos desta intervención, cun prazo de 12 meses, son a restauración do bosque de ribeira do río Umia, así como a preservación daquelas zonas onde presenta un bo estado de conservación. Para isto, está previsto realizar labores de recuperación, revexetación, conservación e limpeza dentro da zona de servidume e na propia canle.

Os traballos consistirán no acondicionamento da marxe do río con criterios de mellora silvícola e para acadar a consecución de franxas protectoras ao longo do río, coa fin de illar o leito fluvial da influencia do aproveitamento agrícola, tratando de acadar unha formación vexetal con función tampón e, deste modo, mellorar o estado desta masa de auga fluvial.

O bosque de ribeira é unha formación vexetal complexa cun alto valor ecolóxico e ambiental, xa que é fonte de biodiversidade e cumpre funcións esenciais para os ecosistemas acuáticos e para a calidade da auga.

Esta intervención sumarase á que Augas de Galicia rematou este ano no bosque de ribeira na contorna do encoro do Umia, coa plantación de 6.200 árbores autóctonas. Esta rexeneración do bosque de ribeira, contou cun orzamento de máis de 100.000 euros.

Estas actuacións forman parte do Plan de xestión integral da bacía do Umia e aparecen recollidas no Plan hidrolóxico de Galicia-Costa, ao que se suman o conxunto de iniciativas que desenvolve a Xunta para mellorar a calidade das augas do encoro do Umia.