Aberto o prazo de inscrición para as mozas e mozos interesados en participar como voluntarios no Festival da Luz

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado oferta 20 prazas ao abeiro do programa SON Voluntario/a
Publicado por o día 27/08/2019 na sección de Xunta de Galicia

Aberto o prazo de inscrición para as mozas e mozos interesados en participar como voluntarios no Festival da Luz

A Xunta de Galicia abre o prazo de inscrición, ata cubrir prazas, para mozas e mozos de entre 18 e 30 anos que estean interesados en participar como voluntarios no Festival da Luz, que se celebrará os días 6, 7 e 8 de setembro no municipio coruñés de Boimorto. Esta iniciativa enmárcase no programa SON Voluntario/a da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Nesta ocasión ofértanse un total de 20 prazas, que serán adxudicadas por orde de anotación, sempre e cando os solicitantes cumpran os requisitos. O formulario de inscrición está dispoñible na páxina web de voluntariado galego.

As rapazas e rapaces que participen poderán acceder ao festival e recibirán un certificado de experiencias voluntarias expedido pola Dirección Xeral de Xuventude. Tamén estarán cubertos con seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

En canto ás obrigas, deberán realizar un curso básico de voluntariado e asistir a unha reunión previa á celebración do festival para establecer todas as cuestións de organización, solucionar dúbidas e repartir as identificacións necesarias. Os gastos de transporte e hospedaxe, de ser o caso, serán de conta das persoas voluntarias.

O programa SON Voluntario/a está destinado aos festivais de música de Galicia nos que as mozas e mozos participantes realizarán diferentes tarefas e vivirán a experiencia do festival desde dentro, creando así unha comunidade voluntaria en cada evento.