Aberto o prazo para participar na II ruta de “Voando nas Rías Baixas” pola enseada de San Simón

Ata o 5 de febreiro as persoas interesadas poden formalizar a súa solicitude para participar nesta segunda ruta ornitolóxica, de xeito totalmente gratuíto, a través de www.depo.gal
Publicado por o día 28/01/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Aberto o prazo para participar na II ruta de “Voando nas Rías Baixas” pola enseada de San Simón

A Deputación de Pontevedra abriu este luns, 28 de xaneiro e ata o 5 de febreiro, o prazo de inscrición na segunda ruta do programa “Voando nas Rías Baixas“, que impulsa a institución provincial en colaboración con SeoBirdlife, e que neste caso discorrerá pola Enseada de San Simón na Ría de Vigo. As 25 prazas gratuítas ofertadas, que no caso da primeira ruta esgotáronse en tres horas, cubriranse por rigoroso orde de entrada da solicitude a través de www.depo.gal.

Tralo paso de “Voando nas Rías Baixas” o pasado 20 de xaneiro polo Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, chega o 10 de febreiro pola mañá a segunda ruta pola Enseada de San Simón. Neste espazo, a través dos concellos de Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa e protexido pola Rede Natura 2000, inverna un nutrido número de aves acuáticas, mariñas e paseriformes das contornas arbóreas. En concreto, ademais do pato asubiador, que ten na Enseada de San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia, é posible observar outras aves limícolas como o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e claro, o pilro común e tridáctilo, o mazarico real, e ardeidos como a garza real, garzota común, gaivotas varias, corvos mariños e paxariños como o vistoso martiño peixeiro.

A ruta pola Enseada de San Simón trátase dunha das novidades do programa deste ano e, para poder participar activamente nela, a Deputación vai poñer a disposición das persoas participantes prismáticos de observación de aves, dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar de aves sen molestalas e unha guía de aves para cada unha das persoas participantes na ruta ornitolóxica.

Voando nas Rías Baixas” ten por obxectivos converter á provincia de Pontevedra nun destino máis internacionalizado, máis desestacionalizado e máis sustentable.  O turismo ornitolóxico é unha actividade que desestacionaliza e esperta un grande interese sobre todo entre o público anglosaxón e centroeuropeo. Amais, con estas rutas estase a apostar por poñer en valor os recursos naturais, sensibilizando á poboación local, así como impulsando o desenvolvemento turístico e económico sustentable dos núcleos rurais en zonas de alto valor ecolóxico, a través da observación e o coñecemento das distintas especies de aves presentes nos mesmo.

Trala segunda ruta de “Voando nas Rías Baixas”  pola Enseada de San Simón, o vindeiro 10 de febreiro, o programa continuará o 3 de marzo na Reserva Ornitolóxica do Grove e o 19 de maio nas Brañas de Xestoso. O último dos percorridos desta segunda edición da iniciativa terá lugar o 16 de xuño pola Serra do Suído.