Abre o prazo para solicitar as axudas para as escolas infantís das entidades de iniciativa social, que se incrementan para implantar a gratuidade das prazas a segundos fillos e sucesivos

A Xunta inviste 4,2 millóns de euros nesta convocatoria, un 20% máis que o ano pasado
Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Educación,Xunta de Galicia

Abre o prazo para solicitar as axudas para as escolas infantís das entidades de iniciativa social, que se incrementan para implantar a gratuidade das prazas a segundos fillos e sucesivos

A Xunta de Galicia abre mañá e durante un mes o prazo para a presentación da solicitude de axudas dirixidas ao mantemento de escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes de Entidades Privadas de Iniciativa Social (EPIS) para o ano 2020. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta nova convocatoria na que o Goberno galego inviste 4,2 millóns de euros, isto é un 20% máis que o ano pasado. Así, estas entidades poderán financiar os gastos de persoal, de alimentación e outros conceptos de mantemento ademais de ofrecer prezos similares á rede pública autonómica.

A través desta importante suba, a Administración autonómica financia que ao longo de 2020 a atención educativa nas escolas infantís de iniciativa social, ao igual que as públicas e as privadas, pasen a ser 100% gratuítas para as familias a partir do segundo fillo, este incluído.

Ademais, cada escola infantil poderá obter unha axuda un 5% superior á do ano pasado para dar un novo impulso á calidade do servizo que ofrecen. Isto significa que as escolas infantís con comedor e entre unha e tres aulas recibirán 21.532 euros por clase; aquelas que teñen comedor e entre catro e seis aulas recibirán 20.558 euros por clase; as que teñen comedor e sete ou máis aulas terán 19.572 euros por aula; e aquelas que non teñan comedor recibirán 17.382 euros por aula.

Outra das novidades desta convocatoria é que tamén se facilitará o seu funcionamento mediante o anticipo do 90% da achega, mentres que ata agora era do 80%. Deste xeito, a Administración autonómica dálle un pulo moi esperado a unha liña de axudas á que accederon 49 entidades de iniciativa social ao longo do 2019 e que permitiu financiar 2.849 prazas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.