A Xunta de Galicia abre mañá e durante un mes o prazo para a presentación da solicitude de axudas dirixidas ao mantemento de escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes de Entidades Privadas de Iniciativa Social (EPIS) para o ano 2019. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta nova convocatoria que ten como obxectivo consolidar o aumento de prazas de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos, que neste curso superan as 24.000 e sitúan a ratio de cobertura na nosa comunidade no 42%, nove puntos por riba da óptima recomendada pola Unión Europea (UE).
Nesta nova convocatoria mantense o importante incremento orzamentario, de preto do 10%, que xa se aplicou na anterior, polo que a contía total destinada a estas axudas ascende a máis de 3,4 millóns de euros. Ao abeiro da orde serán subvencionables os gastos de persoal, de alimentación e outros gastos xerais de mantemento dos centros. Ademais, por terceiro exercicio consecutivo, ofréceselle ás entidades un anticipo do 80% do total da subvención, de xeito que dispoña da liquidez necesaria para funcionar con total normalidade. Tamén se manteñen os cambios na tramitación que se introduciron nesta lexislatura para simplificar a xustificación da axuda e axilizar a súa xestión.
A contía da axuda establécese en función do número de unidades da escola infantil. Deste xeito, os centros con servizo de comedor que teñan de 1 a 3 unidades recibirán 20.507 euros por cada unha delas, os que dispoñan de 4 a 6 unidades percibirán 19.579 euros por unidade en funcionamento, e aquelas escolas que conten con 7 ou máis unidades habilitadas terán unha achega de 18.640 euros por unidade en funcionamento. Así mesmo, os centros que non conten con servizo de comedor recibirán unha axuda de 16.554 euros por cada unidade.
Con esta actuación, o Goberno galego consolida un orde que da que se beneficiaron 48 EPIS no actual curso escolar e que permitiu o financiamento de 2710 prazas de 0 a 3 anos. Cómpre lembrar que as EPIS beneficiadas destas subvencións deben aplicar o decreto de prezos da rede autonómica para atención educativa.
Así mesmo, a medida responde ao compromiso de seguir a traballar para eliminar os obstáculos que se atopan as familias que desexan ter fillas ou fillos, entre eles os que atinxen á conciliación.
Nesta liña enmárcanse avances como as máis de 24.000 prazas de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos, o dobre que hai unha década, a posta en marcha dunha rede de casas niño no rural, as liñas de axuda para o financiamento e entrada en servizo de escolas infantís en contornas laborais ou o Bono Concilia, co que se axuda a pagar a escola infantil que elixan aquelas familias que non puidesen acceder a unha praza pública.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.