O concelleiro de Servizos Sociais do concello de Pontearesa, Manolo Troncoso, informa que hoxe comeza o prazo para presentarse ao concurso público para a concesión a cafetería do centro social.
Durante un prazo de trinta días hábiles que remata o 5 de marzo ás 14 horas todos e todas as interesadas poderán presentar as súas propostas no rexistro do concello de Ponteareas que atende ao público de 09:00 a 14 horas de luns a venres.
Co obxectivo de promover unha maior calidade nas relacións entre as persoas maiores sendo o centro social un lugar de encontro e de lecer, o goberno de Ponteareas convoca un concurso aberto e transparente para outorgar a cafetería cunha concesión de cinco anos, prorrogable con posibilidade de prórroga anual ata un máximo de dous nos.
O adxudicatario deberá abonar un canon dun mínimo de 1.200€ anuais, 100€ ao mes, e respectar un horario mínimo de apertura da cafetería que será de luns a venres, dende as 08:00 horas ás 22:00 horas, o sábado o mínimo horario será de 10:00 a 22:00 e o domingo de 16:00 a 22:00 horas. Durante as festividades de Corpus, Remedios e San Miguel permitirase prolongar o horario de peche.
A cafetería do centro social servirá bebidas frías e quentes e bocadillos fríos e quentes que deberán ser elaborados na cociña da cafetería que disporá dunha pracha e os electrodomésticos precisos.
Na liña da promoción do coidado do medio ambiente e do fomento dos hábitos de vida sostibles e saudables, as bebidas a subministrar atoparanse, preferentemente en envases a granel, ou en envases retornables de vidro.
Con independencia do horario de apertura o adxudicatario ten a obriga de abrir e pechar a porta das instalacións do Centro social ás 7:30 e ás 22:00 horas de luns a venres, mentres que o sábado e o domingo a apertura e peche coincidirá co horario mínimo da cafetería.
O adxudicatario deberá manter en perfecto estado de limpeza, hixiene e seguridade as instalacións.
O concelleiro Manolo Troncoso explica que o centro social é un punto de encontro no que unha parte da poboación atopa un espazo cómodo e axeitado para a socialización. Troncoso explica que nestes meses o concello realizou obras de mellora na cafetería, adaptándoa tamén ás esixencias das normativas actuais.
A documentación deste concurso pode consultarse na páxina web do concello de Ponteareas na pestaña “perfil do contratante” ou premendo na seguinte ligazón https://ponteareas.sedelectronica.gal/?x=uszNFBR2jPHsBIBzS*t1gw
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.