Afundación documenta a pandemia e as súas consecuencias no seu espazo participativo «Álbum COVID»

A Obra Social de ABANCA inaugura un espazo virtual no que, quen o desexe, pode participar con fotografías da súa autoría para retratar diferentes momentos relacionados coa situación provocada pola COVID-19
Publicado por o día 03/08/2020 na sección de Eventos,Coronavirus

Afundación documenta a pandemia e as súas consecuencias no seu espazo participativo «Álbum COVID»

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta un novo espazo de participación en liña no que invita a todas aquelas persoas interesadas a tomar parte na súa nova iniciativa de carácter cultural e social. Co título de «Álbum COVID» preséntase unha proposta online e aberta para participar co envío de fotografías. O tema das imaxes remitidas debe estar ligado á COVID, en calquera dos seus ámbitos de afectación.

De entre todas as imaxes presentadas, en formato .jpg, cun tamaño máximo de 1920 píxeles no maior dos lados, unha resolución de 300 ppp e que non superen os 2 MB, o xurado designado por Afundación seleccionará aquelas que valore de maior calidade para realizar unha exposición presencial ou virtual. De cara á selección, valorarase a forza narrativa da imaxe e a súa sensibilidade. O prazo de presentación de fotografías estará aberto desde o 15 de xuño ás 00.00 horas ata o 15 de setembro de 2020 ás 23 horas. As imaxes pódense remitir a fotografiacovid19@afundacion.org.

As bases para consulta sobre «Álbum COVID» están dispoñibles no portal web de Afundación.