A spin-off da Universidade de Vigo Alén Space gañou o Premio a la acción empresarial más innovadora ligada a la universidad que outorga o xornal Cinco Días, decano da prensa económica española. Na súa decimo segunda edición, o xurado dos Premios Cinco Días a la innovación empresarial acordou outorgar a Alén Space o galardón que recoñece o mellor proxecto empresarial innovador desenvolvido a través da colaboración entre a universidade e a empresa. “Gañar este premio, ademais dun recoñecemento ao gran traballo realizado ata a data polo noso equipo, e dun caso paradigmático de éxito na relación empresa-universidade, supón unha grande oportunidade para aumentar o coñecemento das enormes posibilidades que os pequenos satélites ofrecen”, sinala Guillermo Lamelas, director executivo de Alén Space.
Ademais das características claves da empresa centrada no desenvolvemento e fabricación de nanosatélites, como a tecnoloxía, o equipo humano, o potencial de mercado ou posicionamento, Lamelas considera que na decisión do xurado do premio foi clave “o proceso de rexeneración e transferencia de tecnoloxía desde a Universidade de Vigo a Alén Space e a continua colaboración entre ambas entidades”. Unha relación que o director executivo da spin-off considera fundamental para asegurar que a investigación que se se realiza na universidade sexa quen de impactar e mellorar a vida da xente. “Trátase dunha relación positiva que debe realimentarse continuamente”, afirma Lamelas.
Os nanosatélites Xatcobeo, Humsat-D, Serpens e Lume-1 son os exemplos máis salientables da colaboración que ao longo de mais dunha década mantiveron a Universidade de Vigo e Alén Space, agora xa legalmente constituída como unha spin-off da institución académica viguesa.
Premiados, referentes nos seus sectores
A Basque Culinary Center, desenvolvida en colaboración coa Universidad de Mondragón; a spin-off New Food Development da Universidade de Zaragoza; Torusware, spin-off da Universidade de A Coruña ou Emite Ingeniería SL da Universidad Politécnica de Cartagena, son algunhas das empresas que acadaron o Premio a la acción empresarial más innovadora ligada a la universidad en edicións anteriores dos galardóns convocados por Cinco Días. “Xa van unha ducia de edicións deste premio e as empresas galardoadas en anteriores edicións son verdadeiros referentes nos seus sectores. Poder ser parte deste grupo é un tremendo orgullo”, asegura Guillermo Lamelas.
Desde a súa constitución, o director executivo de Alén Space destaca que fixaron dous obxectivos clave para as súas primeiras fases, “a procura de clientes e a procura de socios para acompañar o crecemento da empresa. E niso estamos, enfrascados. O traballo realizado a nivel comercial está a empezar a dar os seus froitos, moito antes do previsto e como resultado contamos xa cos nosos primeiros ingresos por ventas e cun prometedor funnel de potenciais clientes”, destaca Lamelas.
Alén Space e os galardoados nas outras dúas categorías dos premios Cinco Días a la innovación empresarial 2019 recibirán unha obra da artista Cristina Iglesias conmemorativa dos premios.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.